Saltar ao contido

María Garcia: “Grazas á presión da Marea Atlántica, a veciñanza volve ter un dereito que gañara en 2016. Inés Rey rectifica e volve á senda do inicio do mandato”

No lado negativo, a convocatoria faise co tempo moi xusto para estar resolta a final de ano, e tememos que os prazos de participación van ser curtos de máis

A Marea Atlántica celebra que A Coruña volva contar con Orzamentos Participativos a partir deste ano, logo da súa desaparición en 2020, tal e como anunciou hoxe o goberno local. Recuperar este dereito da cidadanía a decidir sobre unha parte do investimento do seu Concello é un paso necesario para avanzar na conversa sobre os Orzamentos de 2022. Grazas á presión do noso grupo, o PSOE comprometérase a facelo no Pleno de xullo e agora, un mes despois, por fin da o paso. Deste xeito, tamén se respecta un dos acordos para a investidura de Inés Rey, incumprido o ano pasado.

Como sinala María García, a nosa voceira, “é unha boa nova por partida dobre, porque se recupera un dereito gañado en 2016, tal e como reclamaba a Marea Atlántica.  E porque Inés Rey rectifica e volve a senda de entendemento do inicio do mandato”. García engade que “resulta axeitado que o proceso para elaborar os orzamentos do ano que vén comece por preguntarlle á veciñanza, aínda que con prazos moi apurados. Polo menos, é un sinal da vontade da alcaldesa de dialogar, e de non repetir o erro de deixar a cidade sen orzamentos por unha mala decisión, que tomou unilateralmente”.

A convocatoria dos Orzamentos Participativos é unha boa nova para a cidade, pero chega con atraso. Xa en xuño advertimos de que o tempo era escaso, e lamentamos que o executivo local tardase dous meses en reaccionar. Agora, a 7 de agosto, tememos que os prazos de presentación e valoración de propostas van ser curtos de máis.

Medio millón de euros menos que en 2019 

Doutra banda, os Orzamentos Participativos tamén ven reducida a súa contía con respecto a 2019. O que daquela eran 3 millóns de euros, un millón para proxectos que afecten a toda a cidade e 200.000 euros para cada un dos dez distritos da Coruña, pasa a ser 2,5 millóns. Dado que favorecer o investimento nos barrios é un dos obxectivos principais desta convocatoria, pedímoslle ao goberno municipal que non reduza os fondos dispoñibles para os distritos.

En todo caso, é positivo que se manteñan os criterios de avaliación das edicións anteriores, e que sigan a existir puntos de apoio presencial nos centros cívicos e bibliotecas municipais, para axudar ás persoas que teñan problemas coa presentación dixital de iniciativas.

Un dereito gañado en 2016

Manter a convocatoria dos Orzamentos Participativos era un dos compromisos que o PSOE asumiu coa Marea Atlántica para facer posible a investidura de Inés Rey. Trátase dunha iniciativa que puxo en marcha o goberno de Xulio Ferreiro en 2016, facendo partícipe á veciñanza dos investimentos do Concello e outorgando un dereito que se consolidou ao longo de catro anos.

O diálogo, sen intermediarios, é un dos piares sobre os que se constrúe unha cidade verdadeiramente democrática. Por iso, e a pesar dos problemas, saudamos o regreso dos Orzamentos Participativos e estaremos vixiantes para que os compromisos anunciados hoxe polo goberno local se convertan en realidades.

O regreso dos Orzamentos Participativos é unha boa nova, aínda que cheguen con atraso