María García: “Mentres outras comunidades anuncian contratacións de reforzo, a Xunta véndenos que todo se resolve dándolle unha formación de 8 horas ao profesorado”
Reclamamos medios para reforzar a comunidade educativa, reducir as ratios por aula e ofrecerlles ás familias axudas de conciliación
A Marea Atlántica reclámalle, unha vez máis, a Alberto Núñez Feijóo que exerza as competencias en Educación, exclusivas da Xunta, e poña recursos para organizar unha volta ás aulas segura e con garantías en setembro. “Mentres outras comunidades anuncian contratacións de reforzo e medidas específicas, Feijóo quere vendernos que está todo resolto cunha formación de 8 horas para que o profesorado de sempre, xa sobrecargado antes da pandemia, asuma todas as responsabilidades”, denuncia a nosa voceira María García.
Na súa comparecencia de hoxe, o presidente da Xunta tentou unha vez máis eludir as súas responsabilidades e culpar ao goberno do Estado da falta de planificación do inicio do curso, cando é el quen debería estar facendo ese traballo. Leva desde xullo cun protocolo sobre a mesa que foi fortemente criticado pola comunidade educativa e os sindicatos, e que só agora recoñece que está a ser retocado.
Máis medios para unha volta ás aulas segura
Pero, como sinala María García, “o que se precisan non son retoques, o que precisa o ensino é investimento para contratar profesorado, reducir a ratio de alumnado por aula, aumentar os servizos de limpeza e enfermaría en cada centro, poñer medios para a aprendizaxe a distancia e axudar ás familias na conciliación. De nada disto falou hoxe Feijóo, para el o único que importa é non invertir un peso máis no ensino público”.
“Onte, os concellos da área metropolitana da Coruña ofrecéronlle á Xunta espazos municipais como centros cívicos ou polideportivos para ser empregados como aulas no novo curso. O goberno galego só tería que organizar a súa adaptación, pero nin así”, denuncia a nosa voceira.
Unha semana máis, a Xunta tampouco ofreceu solución alternativa algunha para os peches dos centros de día, que deixan sen atención a milleiros de persoas dependentes. Nin fixo xesto algún para os numerosos sectores económicos que están a sufrir o efecto da crise social, sanitaria e económica na que nos atopamos. O goberno galego limítase a mirar.