Xan Xove: “O goberno de Xulio Ferreiro introduciu nos contratos dos servizos novas medidas para o control. Ante a investigación policial en marcha e as sospeitas de corrupción privada, temos que garantir limpeza na limpeza”
O candidato á Alcaldía da Marea Atlántica tamén participou hoxe na manifestación en apoio ao cadro de persoal de Alu Ibérica, para reclamar o cobro das indemnizacións que se lles deben
A Marea Atlántica vén de solicitar formalmente acceso aos expedientes dos servizos de recollida de residuos e limpeza viaria, para comprobar que se están a usar todas as ferramentas de vixilancia e control coas que contan os contratos vixentes, e que foron introducidas polo goberno de Xulio Ferreiro no pasado mandato. Como sinala Xan Xove, candidato á Alcaldía da Marea Atlántica, “ante a investigación policial en marcha, e ante as sospeitas de corrupción privada, temos que garantir limpeza na limpeza”.
Así, aínda que o goberno local decida persoarse nun procedemento penal no futuro, non pode descoidar hoxe, aquí e agora, a supervisión dos contratos en vigor, nin deixar de usar as ferramentas das que –grazas ao traballo que se realizou no mandato anterior– dispón para controlar a calidade na prestacion dos servizos, o cumprimento dos convenios colectivos e a normativa laboral, e a selección e funcionamento das subcontratas. Explicamos estas capacidades ao detalle na rolda de prensa que ofrecemos o pasado 6 de marzo, achegando propostas construtivas.
O incumprimento destas obrigas por parte da empresa pode sancionarse desde o Concello, chegando mesmo a rescindir o contrato. “Porén, o control dos contratos debería formar parte do traballo rutinario da concelleria, polo que pedimos acceso á documentación necesaria para comprobalo”, explica Xan Xove. Inés Rey ten que garantir o bo funcionamento dos servizos de recollida de lixo e limpeza viaria, mesmo reforzando o persoal da área de Medio Ambiente se é necesario.
Apoio ao cadro de persoal da antiga Alcoa
Xan Xove participou hoxe, con María García, a nosa voceira municipal, e Rodri Gil, número tres da candidatura da Marea Atlántica, na concentración convocada en apoio ao cadro de persoal de Alu Ibérica, a fábrica de aluminios da Coruña. Perderon o seu traballo hai un ano, co peche das instalacións tras unha operación de compra fraudulenta e unha investigación xudicial á empresa.
Na actualidade, máis de doce meses despois e a pesar do prometido, aínda non cobraron as indemnizacións que lles corresponden, nin teñen noticias da posible venda dos terreos da fábrica máis que pola prensa. “A Xunta debería antepoñer a protección dos dereitos laborais a calquera anuncio electoralista”, declarou Xove ao remate da marcha.