Saltar ao contido
Xan Xove e María García na conciá económica. Decembro 2022

Xan Xove, o noso candidato, e María García, voceira municipal, visitaron hoxe o comedor da Cociña Económica, entidade social que desde a pandemia tivo que duplicar o seu número de servizos

Marea Atlántica esixiu a pasada semana a execución dos fondos para políticas de vivenda e de enerxía, garantías para os convenios coas entidades sociais e un reforzo das prestacións omo propostas de mínimos para abrir a negociación orzamentaria


O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xan Xove, e a nosa voceira municipal, María García, visitaron hoxe o comedor da Cociña Económica da Coruña, xunto ao seu presidente, Jacinto Torres, e varios traballadores desta asociación benéfica que leva en activo desde 1886, cunha labor encomiable, e que nestes momentos se enfronta ao dobre problema do aumento demanda dos seus servizos ao tempo que se encarece o custo de prestalos, por mor da suba de prezos en alimentación e combustibles. “As institucións non poden desentenderse do que sucede, teñen que traballar para reducir o número de persoas que traspasan o umbral da pobreza”, lembrou o candidato tras a visita.

Neste sentido, e tal como concretamos o pasado mércores en dez propostas de mínimos, volvemos reclamarlle ao goberno local que mobilice os recursos que ten sen executar nos Orzamentos 2022: para o reforzo do dereito á vivenda, para abrir unha Oficina da Enerxía que lle axude á xente a baixar o seu recibo da luz, ou para incrementar as prestacións sociais no mesmo nivel que a inflación. Precisamos institucións fortes que non o deixen todo en mans das entidades cidadás.

“Cada vez son máis as persoas que teñen dificultades para cubrir necesidades básicas, como encher a cesta da compra ou pagar o alugueiro dun piso. A inflación segue disparada e os prezos medran moito máis que os ingresos de milleiros de familias, que seguen adiante só grazas a axuda de entidades coma a Cociña Económica”, explica Xan Xove. Nestes momentos, e segundo datos da propia entidade, están a servir máis de 400.000 racións de comida ao ano, unha cifra que practicamente se duplicou tras a pandemia da covid. 

 

Reforzo das axudas de emerxencia e convenios 

Nesta situación, unha das nosas dez propostas de mínimos para dar comezo á negociación orzamentaria é aumentar polo menos un 9% as contías da Renda Social Municipal e as Axudas de Emerxencia Social para compensar o impacto da inflación.

A Cociña Económica é tamén unha das entidades que contan cun convenio co Concello da Coruña, neste caso 80.000 euros anuais. Convenio que quedará sen respaldo económico o próximo 1 de xaneiro, cando o goberno local prorrogue o orzamento do 2022. Para evitalo, hai semanas xa que fixemos un chamamento a preparar un modificativo de crédito que garanta que as asociacións non quedan sen apoio e sen convenios, pero o goberno local non está a reaccionar. 

Xan Xove: “Cada día son máis as persoas que non poden encher a cesta da compra ou pagar un alugueiro. As administracións deben evitar que traspasen o umbral da pobreza”