Saltar ao contido

O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía visitou hoxe as instalacións da lonxa, “un dos motores económicos da Coruña que ten moito potencial no futuro do porto interior”

A lonxa facturou case 65 millóns de euros en 2022 e a pesca xera máis de 4.000 empregos directos na cidade: é un sector estratéxico dentro da economía azul

Xan Xove, candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña visitou hoxe a lonxa, que definiu coma “un dos motores económicos da cidade, con moito potencial por diante nos peiraos interiores”. Nesta visita, na que tamén participaron María García e Iago Martínez, a voceira e o vicevoceiro municipais da Marea Atlántica, Xove apostou por fortalecer unha “lonxa de futuro”, “aberta á cidadanía” e integrada dentro das políticas municipais de alimentación saudable e de proximidade.

Unha lonxa “aberta” quere dicir unha lonxa máis accesible e mellor coñecida pola cidadanía, coma un nexo coa cultura do mar e coa ligazón da Coruña coa pesca, sen a que esta cidade nunca se tería desenvolvido. A oportunidade de conseguilo é, precisamente, a apertura dos peiraos interiores, que deixarán de ser unha área industrial pechada para converterse nun espazo de usos mixtos, tanto cívicos coma produtivos. 

“E esta segunda pata, a produtiva, non pode esquecerse. Os peiraos deben ter un uso cidadán, desde logo, pero tamén deben seguir sendo peiraos e ter espazo para actividades económicas coma a lonxa”, sinalou Xan Xove. Non en van, falamos dunha industria que facturou 64,9 millóns de euros en 2022, pese a ser un ano difícil polas consecuencias da invasión rusa de Ucraína, o aumento do prezo dos combustibles ou a folga do transporte. Unha riqueza que debe coidarse e potenciarse. A pesca xera entre 4.000 e 5.000 empregos directos na Coruña aínda que, como nos trasladaron hoxe durante o encontro, atópase cun problema de relevo xeracional.

Unha lonxa “conectada” debe inserirse tamén na aposta pola economía azul que debe desenvolverse nos peiraos. Situados no centro da cidade, son un foro excelente para conxugar a innovación, a cultura, a gastronomía ou a tecnoloxía. Neste sentido, pode aproveitarse outra aposta estratéxica da cidade, polas TIC e a intelixencia artificial, para desenvolver unha explotación máis sostible dos recursos pesqueiros e unha mellor trazabilidade no mercado.

Esa conexión pasa tamén por integrar a lonxa nas políticas municipais coma centro de produción de alimentos saudables e de proximidade, nun momento no que a inflación estase a cargar especialmente na cesta da compra, que se encareceu un 16,6% só no pasado mes de febreiro. O Concello ten que procurar vías para fomentar o consumo de peixe fresco e, desde a Marea Atlántica, propoñemos conectar a lonxa con outros equipamentos estratéxicos, coma os centros educativos, dentro do programa de Escolas Verdes que propoñemos para o vindeiro mandato. 

‘Mover os baixos’: un fracaso que require unha explicación

Por outra parte, Xan Xove valorou as informacións publicadas hoxe na prensa sobre o programa ‘Mover os baixos’, cuxa convocatoria para a compra de locais baleiros por parte do Concello só pode ser definida coma un fracaso anunciado. “Mover os Baixos é unha boa política nas mans dun mal goberno. O desinterese total co que o goberno de Inés Rey xestionou esta política pública cobrouse o seu prezo. Lanzaron a convocatoria case en segredo, sen máis publicidade que unha mínima nota de prensa aparecida tras a denuncia da Marea Atlántica, e obtivemos o resultado previsible: unha única oferta para un programa que contaba cun millón de euros”.

“Temos un goberno ao que se lle vai a forza pola boca, que é incapaz de executar os acordos aos que chega. Falta capacidade. Falta traballo. É un problema xeral. É a primeira vez en anos que A Coruña entra na terceira semana de marzo sen que se coñeza nin sequera un proxecto de orzamentos, e sen negociar un modificativo para renovar os convenios coas entidades sociais”, declara Xan Xove. “En maio teremos que mudar a situación, cun goberno axeitado para afrontar políticas coma esta, un goberno da Marea Atlántica. Pero agora o que cómpre é que a alcaldesa dea explicacións”.

O noso candidato lamentou que Inés Rey non quixese aproveitar ‘Mover os Baixos’, un programa pioneiro para afrontar o problema dos baixos comerciais baleiros na Coruña, impulsado pola Marea Atlántica como parte das negociacións do Orzamento 2022. E instouna a aprender do erro e lanzar, canto antes, unha campaña para dar a coñecer a segunda liña de Mover os baixos, as axudas a pemes e autónomos para comezar novos proxectos, que está aberta pero que de novo se mantén oculta. De igual modo, é necesario poñer en marcha a bolsa de alugueiro de locais a través de EMVSA, da que nada se sabe aínda, pese a que debera ter comezado en 2022.

Xan Xove aposta por unha lonxa de futuro, aberta á cidadanía e conectada coas políticas locais de alimentación saudable e de proximidade