Saltar ao contido

María García e Claudia Delso visitaron esta semana as instalacións de Eirís, Novo Mesoiro e Agra do Orzán, e recolleu as demandas das persoas usuarias dunha maior rapidez á hora de reasignar parcelas en desuso

O noso acordo orzamentario co PSOE inclúe crear ecohortas en Palavea e ampliar as de Monte Alto e a Agra

A voceira da  Marea Atlántica, María García, e a concelleira Claudia Delso, visitaron esta semana as hortas urbanas de Eirís, Novo Mesoiro e a Agra do Orzán, para comprobar a continuidade do programa e escoitar ás persoas usuarias, que se amosan moi satisfeitas con esta iniciativa posta en marcha polo goberno de Xulio Ferreiro, pero reclaman do actual executivo unha maior rapidez á hora de reasignar parcelas en desuso a persoas na lista de agarda. A demora chega a ser de varios meses.

Moitas persoas manifestaron a sua preocupación por ter que abandonar a sua parcela trala última prórroga despois dun traballo intenso de preparación da terra, por iso a Marea Atlántica recomenda consolidar eses usos e crear máis hortas nos barrios para dar resposta á crecente demanda. “As hortas do Parque de Oza deberían estar xa plenamente operativas, por exemplo. Non se entende que haxa parcelas baleiras e persoas agardando por elas”.

Como explicou María García, “as ecohortas son una experiencia moi positiva, que non só ofrece unha alternativa de ocio e axudan na loita contra o cambio climático, tamén crean unha comunidade viva e activa, promoven a saúde e a biodiversidade”.

Por iso, no pacto ao que chegamos co PSOE para os Orzamentos 2020 inclúe a ampliación das hortas urbanas na Agra do Orzán e no parque Carlos Casares, en Monte Alto, así como a creación de novas hortas en Palavea. Estaremos vixiantes para que este pacto se cumpra, pois conta con 240.000 euros dos fondos europeos da estratexia EIDUS, aprobada no pasado mandato.

Un modelo de éxito e exemplo europeo

O modelo de hortas urbanas que funciona na Coruña foi creado durante o mandato anterior e espállase polos barrios de Eirís, Monte Alto, Novo Mesoiro e Agra do Orzán, quedando tamén iniciadas no parque de Oza. En total son case 300 parcelas a disposición da veciñanza e as asociacións que as soliciten.

Ademais, grazas ao programa Urbact III, as ecohortas da nosa cidade sumáronse a un proxecto europeo de intercambio de experiencias e boas prácticas de agricultura urbana, xunto Roma (Italia), Vilnus (Lituania), Cracovia (Polonia), Tesalónica (Grecia), Caen (Francia) e Loures (Portugal).

A Marea Atlántica insta a manter o modelo das hortas urbanas da Coruña e amplialas a outros barrios