Saltar ao contido

O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía visitou a EDAR de Bens, pioneira na produción de biogás, e lamentou a “preguiza climática que amosou Inés Rey en todo o relacionado coas políticas verdes e de transición enerxética, algo que corrixiremos a partir de maio”

Xan Xove, candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña fixo un percorrido polas instalacións da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Bens, xunto ao presidente da entidade, Carlos Lamora, e á nosa voceira municipal, María García. Desde alí, comprometeuse a que no vindeiro mandato, coa Marea Atlántica no goberno, “o Concello producirá a súa propia enerxía renovable dentro da propia cidade, aproveitando o potencial dos espazos urbanos para producir preto dos lugares de consumo. Teremos que facelo nós, despois da preguiza climática que amosou Inés Rey en todo o que ten que ver coas políticas verdes e de transición enerxética”.

Despois de catro anos perdidos en materia de políticas enerxéticas e transición ecolóxica, Xan Xove explicou que o Concello pode impulsar proxectos de autoconsumo eléctrico individual e colectivo, instalando equipos de xeración de enerxía renovable en edificios municipais e espazos públicos, e apoiando a creación de comunidades enerxéticas nos barrios. “Desde o municipalismo, temos o deber de ofrecer alternativas a unha factura da luz que non para de subir para engordar os beneficios das multinacionais, mentres o planeta paga o prezo”, afirmou o noso candidato.

Estas medidas poden levarse a cabo a partir do Mapa das Enerxías Renovables, que está a ser realizado por Emalcsa para identificar os mellores espazos na Coruña para a xeración eléctrica. Pero terá que ser con Xan Xove no goberno, xa que InésRey non tivo o máis mínimo interese neste tipo de políticas: non foi quen de poñer en marcha unha soa medida das que acordou coa Marea Atlántica. Nin a eléctrica municipal, nin a Oficina da Enerxía para asesoramento, nin os proxectos piloto de instalacións de enerxías renovables.

“De novo, vemos que o PSOE na Coruña fala pero non fai, asina acordos que non cumpre. Tivo boas políticas nas súas mans, grazas á iniciativa da Marea, pero xestionounas cun mal goberno. Atendeu antes ás súas crises internas que á emerxencia climática”, resume Xan Xove.

A EDAR e o exemplo do biogás

A EDAR, un equipamento metropolitano, é un exemplo nese sentido, pioneira na xeración de biogás a partir da fermentación dos lodos da depuración de augas residuais. É unha iniciativa que comezou en 2016, durante o mandato de Xulio Ferreiro, e desde entón foise desenvolvendo en sucesivos proxectos de investigación que fixeron medrar a súa unidade mixta de gas renovable.

Agora, o reto é escalar a produción, ampliar a cantidade de biogás producido e ou ben comercializalo para xerar ingresos, ou ben poñelo a disposición dos outros concellos que forman parte do Consello de Administración da EDAR (Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros).

Xan Xove garante que o Concello da Coruña producirá a súa propia enerxía renovable no vindeiro mandato