María García: “Este goberno municipal ou está nas verzas ou impórtalle un pemento o medio ambiente, dito cun chisco de humor. Falta conpromiso coas politicas ambientais”
As ecohortas do Parque de Oza levan ano e medio rematadas e aínda non se inauguraron, pese a tratarse dun proxecto escollido pola veciñanza nos Orzamentos Participativos
A Marea Atlántica envioulle hoxe á concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, un ramo de verzas por bicimensaxería, xunto cunha carta na que lle pedimos que non se esqueza das políticas ambientais, comezando por abrir as hortas urbanas do Parque de Oza, que levan ano e medio listas e agardando pola súa inauguración.
A iniciativa, organizada pola Marea de Medio Ambiente, contou coa participación da nosa voceira municipal, María García, quen sinalou que “este goberno do PSOE ou está nas verzas, ou impórtalle un pemento o medio ambiente. O seu compromiso co planeta está desaparecido”.
Na carta que se lle remitiu á concelleira Esther Fontán sinálase que “cando conflúen a emerxencia sanitaria coa emerxencia climática é preciso que as cidades e os concellos aposten por outro modelo de desenvolvemento máis humano e máis sostible”. Que é xusto o que non está a facer A Coruña. Mentres se incumpren os acordos en materia ambiental, avanza o cemento e proxectos tan negativos como o de Percebeiras en Labañou. Do verde pasamos ao gris.
Un proxecto escollido pola veciñanza e abandonado polo PSOE
As hortas urbanas do Parque de Oza foron un proxecto gañador das votacións dos Orzamentos Participativos. Financiáronse e construíronse no mandato da Marea Atlántica. O PSOE só tiña que abrir a porta, pero seguen pechadas. Polo seu desuso, xa recibiron actos vandálicos que danaron as instalacións.
Con 12 parcelas, as ecohortas de Oza súmanse ás de Monte Alto, Agra do Orzán, Parque de Eirís e Novo Mesoiro. En total, 236 parcelas creadas polo goberno de Xulio Ferreiro. Un proxecto que contou con moi boa aceptación veciñal, pero que agora fica abandonado. Mesmo hai parcelas non traballadas que non se poñen á disposición de novas solicitantes, pese a que existe unha lista de agarda.
As hortas urbanas son un proxecto que fortalece a comunidade nos barrios, crea relacións entre persoas de distintas idades, fomenta o ocio saudable, a naturalización da cidade e axuda na loita contra o cambio climático, entre outros beneficios. Son un proxecto recoñecido, premiado e financiado pola Unión Europea en iniciativas como Urbact, sobre agricultura urbana, e Connecting Nature, sobre “solucións baseadas na natureza”. Por iso lle pedimos a Esther Fontán que se ocupe delas.
Nin un só acordo cumprido no plano ambiental
Entre os pactos asinados pola Marea Atlántica e o PSOE para a investidura, as ordenanzas fiscais e a aprobación dos Orzamentos 2020 contábanse varias iniciativas relacionadas co medio ambiente. Nin unha soa está cumprida a data de hoxe. Por suposto, non se abriron as novas hortas urbanas previstas en Monte Alto, Palavea e Agra do Orzán.
Non se afrontou nin a creación do operador enerxético municipal, nin o Mapa das Enerxías Renovables, nin as bonificacións aos composteiros, nin os Bosques da Coruña, nin o Plan de Infraestrutura Verde, nin a mellora do saneamento para evitar a entrada de auga salgada na depuradora de Bens, nin a retirada de plantas invasoras… Neste campo, o grao de cumprimento do acordado está a cero.