Saltar ao contido

“Na Marea Atlántica temos un modelo de cidade para A Coruña de hoxe, non a dos anos 90. Convidamos o PSOE a amosar o seu nun debate público”, declara o noso candidato á Alcaldía 


Esta mañá organizamos un acto aberto á cidadanía no local da Asociación Veciñal do Ventorrillo, para analizar esta anacrónica operación urbanística e responder dúbidas

 

O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, Xan Xove, propúxolle hoxe a Inés Rey manter un debate público, cara a cara e aberto á veciñanza, sobre o futuro de San Pedro de Visma e o plan de urbanización que a alcaldesa teima en rescatar directo desde o peor dos anos 90. Lanzou o convite desde o encontro que, con estas mesmas características, organizamos hoxe no local da Asociación Veciñal do Ventorrillo, coa asistencia dunhas oitenta persoas. E despois de que no Pleno deste mes o PSOE sumase votos co PP para bloquear a nosa proposta de repensar o macroproxecto, adaptándoo aos problemas da cidade do século XXI e ás demandas veciñais.

“Na Marea Atlántica temos un modelo de cidade xusta, verde, democrática e feminista, un modelo para A Coruña de hoxe, e temos claro que encher Visma con 30 edificios que deixan pequenas as torres da Rolda de Outeiro non é o camiño. Se a alcaldesa ten algunha proposta que non sexa repetir os argumentos das inmobiliarias, propóñolle defendela nun acto público, diante da veciñanza afectada. Tanto para dar explicacións como para escoitar o que teñen que dicir. O acordo co PP é unha rúa cega, non suma. A alternativa precisa información, escoita e debate”, afirma Xan Xove. 

O acto celebrado hoxe celébrase para dar cabida ao interese veciñal, despois de que se desbordase por completo o aforo do que tivo lugar o 1 de marzo no centro cívico dos Mariñeiros, centrado tamén na macrourbanización de Visma. E, de novo, a xente respondeu con interese. Nesta xornada explicamos as alegacións presentadas tanto desde a Marea Atlántica como desde a Asociación Veciñal do Ventorrillo, e abordáronse cuestións coma a situación das 4.000 vivendas proxectadas, a falta de respostas para os problemas de mobilidade que suporía este enorme desenvolvemento urbanístico, e o mal trato que se lles dá ás hortas urbanas e aos restos arqueolóxicos. 

Non hipotecar o urbanismo para o próximo goberno municipal

O noso candidato pediulle á Inés Rey que reflexione e deixe de impulsar proxectos inmobiliarios que van en contra da cidade que queremos, non só en Visma, senón tamén en Durmideiras, nas Percebeiras, na Agra de Santo Amaro… “Non se pode hipotecar deste xeito o modelo de cidade do futuro, e menos cando non faltan nin tres meses para que un novo goberno saia das urnas o 28 de maio e haxa que abordar unha revisión en profundidade do PXOM. A cidade non pode seguir crecendo con urbanizacións obsoletas dos anos 90. A Coruña ten que desenvolverse con criterios de 2023”.

Para rematar, Xove afirmou que “un goberno ten que deseñar un urbanismo útil, con vivenda asequible, con espazo público, con servizos e con redes axeitadas de transporte público. É o que demanda a veciñanza, e comprobámolo coa alta asistencia rexistrada nos dous actos que organizamos sobre o tema. Desde logo, ese é o camiño que vai seguir a Marea Atlántica, agora e despois do 28 de maio, cando volvamos a estar no goberno”. 

Xan Xove proponlle á alcaldesa manter un debate aberto á veciñanza sobre o macroproxecto urbanístico de San Pedro de Visma