Saltar ao contido

A Marea Atlántica chama ás xentes da Coruña a acudir á Praza de María Pita no Pleno de investidura, que Xulio Ferreiro trasladará tamén a pé de rúa coa cidadanía

A plataforma cidadá desexa acompañarse da cidadanía e realizará un acto simbólico na Praza despois do acto oficial, para o que conta co voto favorable ao cambio da Marea, que segundo se anunciou estará acompañado do de PSOE e BNG a prol do que “será un goberno para todos os coruñeses e coruñesas, votaran o que votaran”

A Marea Atlántica fai un chamamento á cidadanía da Coruña a achegarse este sábado a partir das 11.00 horas á Praza de María Pita; en cuxo Pazo municipal terá lugar o Pleno de Investidura do que con toda seguridade sairá elixido alcalde da cidade o candidato da Marea, Xulio Ferreiro, que avanza que encabezará “un goberno para todos os coruñeses e coruñesas, votaran o que votaran, que cumprirá co programa e o mandato dunha nova forma de facer política -afastada dos intereses particulares- que demanda a cidade”. “Queremos que a xente da Coruña nos acompañe neste momento histórico, no que o bastón de mando volve ás súas mans”, engadiu.

A organización do Pleno correu a cargo do Goberno en funcións -que atendeu peticións da Marea- e poderá seguirse por streaming se ben os problemas de aforo e diversos compromisos oficiais -que a Marea asumiu- impiden a presenza no interior da sede municipal de toda a cidadanía que así o desexara. En todo caso, poderá escoitarse no exterior o que se diga no Salón de Plenos, que -unha vez investido e tras un minutos de saúdos e protocolo institucionalXulio Ferreiro levará a pé de rúa, na mesma praza de María Pita, onde realizará un xesto simbólico de traslado do poder á cidadanía da Coruña e tamén se dirixirá ás persoas presentes, nun acto alegre e popular que representará a recuperación do concello para as políticas do común.

Xulio Ferreiro será investido alcalde con toda seguridade, unha vez que aos 10 concelleiros e concelleiras da Marea Atlántica se lles unan a favor do cambio o PSdeG (6) e BNG (1), totalizando unha maioría absoluta clara da Corporación, liderada pola Marea Atlántica como ditaminaron as urnas, e representativa da cidadanía coruñesa. Un goberno da Marea Atlántica que defenderá un constante diálogo cos outros grupos municipais. A Marea aplicará e defenderá a mesma posición a prol do cambio e as políticas sociais, participativas e de transparencia en toda institución ou organismo no que vaia estar presente, con axuste e conformidade á composición da maioría neses órganos corporativos.

 

 

Vémonos en María Pita!