A formación municipalista insta o organismo autonómico a recordarlle á alcaldesa a súas obrigas legais con respecto á autorización de vivendas de uso turístico
Xan Xove: “En marzo volveron aumentar os pisos turísticos na Coruña e o prezo do aluguer medio disparouse por enriba dos 580 euros. Así é imposible alugar e o goberno local segue de brazos cruzados. Teremos que cambiar as cousas a partir de maio”
A Marea Atlántica trasdalará hoxe unha queixa á Valedora do Pobo para denunciar a inacción de Inés Rey fronte ao crecemento incontrolado dos pisos turísticos na Coruña e instar o organismo autonómico a investigar e recordarlle ao goberno local as súas obrigas legais ao respecto. O candidato á Alcaldía da Marea Atlántica, Xan Xove, sinala que “non se pode admitir que a alcaldesa siga de brazos cruzados cando cada mes os datos amosan que a situación empeora. Aumentan os pisos turísticos, aumenta o prezo medio do alugueiro e redúcese o acceso á vivenda. Na Coruña e imposible alugar, e o Concello ten que implicarse. Se non é agora, será a partir de maio”.
De feito, os datos do rexistro oficial da Xunta amosan que en marzo xa temos 755 pisos turísticos na Coruña, o que supón que só no que vai de ano xa medraron un 5%. E desde marzo de 2020 un 92%, case duplicándose. Pola contra, as vivendas dispoñibles no mercado para alugueiro convencional non chegan ao medio milleiro.
Esta é unha das causas de que, segundo os últimos informes do Observatorio de Vivenda de Galicia, o prezo medio do alugueiro na Coruña se incrementase en febreiro ata os 582,3 euros, o máis caro entre todas as cidades galegas. En febreiro de 2022, hai un ano, era de 552,2 euros. Encareceuse case un 10% en quince meses. O impacto das vivendas de uso turístico neste problema está amplamente documentado, mesmo desde o propio sector no proxecto ReviTUR, que conclúe que “detraen oferta do aluguer convencional, encarecen os prezos, desprazan poboación residente e deterioran as condicións de habitabilidade e a calidade da vida comunitaria”.
A dobre inacción do goberno local
Dáse unha inacción moi grave e por partida dobre no caso do goberno de Inés Rey. Dunha banda, inacción política: malia a gravidade da situación, tal e como amosan os datos, e os acordos asinados, o goberno négase a regular esta actividade no PXOM, a pesar de que ten competencias para facelo. Só tiña que aprobar a proposta executiva que levamos a Pleno desde Marea Atlántica, pero negouse a facelo, sen ofrecer nin a mínima explicación.
En segundo lugar, e aquí é onde debe intervir a Valedora do Pobo, unha inacción administrativa: o goberno municipal esquiva de xeito sistemático a súa obriga de fiscalizar e controlar a implantación de pisos turísticos na cidade mediante a concesión do debido título habilitante, incumprindo o que di a a normativa e reitera a doutrina do TSXG (sentenzas STSJ GAL 674/2023, STSJ GAL 2988/2022 e STSJ GAL 2750/2022, entre outras).
Por iso acudimos a unha das funcións da Valedora do Pobo, recollida no artigo 32 da lei que regula este organismo autonómico (Lei 6/1984, do 5 de xuño, do Valedor do Pobo), que é a de recordarlle ás administracións públicas, previa investigación, os seus deberes legais.
O Concello debe esixir un título habilitante
Así, a autorización de pisos turísticos segundo o Decreto 12/2017, do 26 de xaneiro, da Xunta de Galicia, é dobre: ante a administración autonómica, mediante declaración responsable e inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT), e ante a administración local, mediante a concesión do respectivo título habilitante conforme á normativa urbanística. Ambas as súas son necesarias e complementarias.
Polo que sabemos, ben a través das solicitudes de acceso a expediente, ben a través das declaracións públicas do goberno e os debates plenarios, a Concellaría de Urbanismo non lle está a esixir título habilitante aos pisos turísticos, o que ademais dunha irresponsabilidade supón unha vulneración da normativa. Por iso instamos a Valedora do Pobo a investigar e, no seu caso, recordarlle ao goberno local as súas obrigas legais.
“Non se entende que o PSOE incumpra a normativa como incumpriu case todas as medidas de vivenda pactadas coa Marea Atlántica, deixando que se perdesen 9 millóns de euros do orzamento do ano pasado. E agora nos din que ata despois das eleccións, nada de regular os pisos turísticos. Isto ten que cambiar, ten que chegar un goberno que faga do dereito á vivenda un asunto central”, conclúe Xan Xove.