Tras o cambio de responsable na Concellería de Urbanismo, non se produciron novos avances nos acordos asinados acordos en materia de á vivenda
A constante suba dos alugueres e a proliferación de vivendas turísticas fan necesario que todas as institucións se impliquen en garantir o dereito á vivenda
A Marea Atlántica urxe ao goberno local a aplicar no menor prazo posible as medidas en materia de dereito á vivenda acordadas a finais do ano pasado, no marco das negociacións entre o noso grupo e o PSdeG-PSOE. Á vista dos últimos datos publicados, que amosan que o prezo da vivenda en aluguer segue a incrementarse en todos os barrios da cidade (chegando, nalgúns casos, a un +20% en cinco ano) e que a oferta de vivendas turísticasxa é maior que a de pisos para vivir, queremos instar ao executivo a non demorar o cumprimento do pactado.
Desde o cambio de responsable na Concellería de Urbanismo, sendo Juan Díaz Villoslada sustituído por Francisco Díaz Gallego, non se produciu ningún avance en canto a políticas municipais de vivenda, e mesmo quedaron en suspenso, logo das primeiras sesións, os encontros previstos para dialogar co tecido asociativo e elaborar un Plan Municipal polo Dereito á Vivenda 2022-2026.
Nove millóns de euros nos Orzamentos 2022
Os acordos polo dereito á vivenda tiveron a súa primeira tradución nos Orzamentos 2022, aprobados co apoio da Marea Atlántica, onde se inclúen nove millóns de euros para políticas como reforzar a bolsa de aluguer municipal e as axudas á rehabilitación, e para a compra de solo e inmobles coas que aumentar o parque de vivenda do Concello. Son recursos que xa están dispoñibles e instamos ao goberno local a aproveitalos.
Porén, no pacto inclúense outras cuestións que non poden esquecerse, coma a de mudar a normativa urbanística para limitar a presenza de pisos turísticos, un modelo de negocio nocivo para os barrios, directamente relacionado coa suba dos alugueiros e a competencia desleal co sector hoteleiro. Ou a posta a disposición de solo municipal para modelos de vivenda coma as cooperativas en cesión de uso.
A intervención dos poderes públicos para garantir o dereito á vivenda é unha conta pendente desde hai décadas, e cada día faixe máis urxente saldala. A Xunta e o Estado tamén deben facer a súa parte, pois contan con carencias evidentes no exercicio das súas competencias, pero a inacción dos demais non pode ser escusa para que o Concello da Coruña e o seu goberno non cumpran cos seus compromisos.