Un lume a pasada fin de semana en Eirís puxo en evidencia o risco de deixar que se acumule a vexetación combustible en lugares habitados, a pesar de que o prazo legal para as rozas acabou o 31 de maio
Preguntaremos no Pleno polo traballo que está a facer o executivo de Inés Rey, e instámola a cumprir o Plan de Prevención de Incendios do Concello
A Marea Atlántica urxe ao goberno local, unha vez máis, a asumir a súa responsabilidade e rozar de inmediato a vexetación na vía pública e nas parcelas próximas a vivendas. O prazo legal para rozar rematou o 31 de maio, pero a biomasa segue a acumularse. Despois dos conatos de Pocomaco e Vío, o pasado domingo houbo un incendio no barrio de Eiris, moi próximo a casas habitadas, e que requiriu a intervención de dúas dotacións de bombeiros para ser controlado.
O risco de lumes sempre é maior cara o final do verán, e o húmido mes de xullo que vimos de pasar fixo que a vexetación combustible medrase máis do habitual. A piques de entrar en setembro, son varios os barrios da cidade nos que a veciñanza denuncia falta de mantemento da biomasa na proximidade das vivendas: ademáis de Eirís, chegan queixas do Peruleiro, O Portiño, Vío, Monte Alto, a Xubias, Pocomaco… Por iso presentaremos unha pregunta no pleno para pedirlle explicacións ao goberno municipal.
A nosa voceira, María García, advirte que “máis aló do deterioro do espazo público, as previsións de emerxencia climática que está a trasladar a comunidade científica obrígannos a tomar moi en serio a prevención de incendios, e sistematizar medidas como a roza de parcelas en núcleos habitados. En Galicia temos moita experiencia cos lumes, e sabemos o que acontece cando chegamos tarde.”.
Pasos atrás en prevención de incendios
Lembramos que o Concello ten un Plan de Prevención de Incendios, aprobado neste mandato pero deseñado durante o goberno da Marea Atlántica.
“No mandato de Xulio Ferreiro fixemos un gran esforzo por manter as parcelas libres de vexetación. Sistematizáronse as rozas en terreos públicos e triplicamos as notificacións para que se limpasen parcelas privadas, pasando de 300 a máis de 1.000”, explica María García. Por desgraza, este traballo non está a ter continuidade baixo o goberno de Inés Rey.