Vai medio ano e o Concello da Coruña segue sen orzamentos e sen reacción do goberno local ante a crise: a última xuntanza para falar sobre o plan de choque celebrouse o 12 de abril
A falta de empatía da alcaldesa coas persoas que están a levar a peor parte da crise é cada día máis evidente e se están a incumprir todos os compromisos coa oposición
Cando faltan menos de dúas semanas para rematar o mes de maio, A Coruña segue sen noticias do plan de rescate Presco para o ano 2021, sen ampliar os convenios coas entidades do terceiro sector —tras a decisión da alcaldesa de vetar ilegalmente as emendas da oposición— e sen previsión de aprobar uns orzamentos. Desde a Marea Atlántica volvemos pedirlle a Inés Rey, unha vez máis, que aprobe de forma urxente as medidas necesarias para darlle resposta á pandemia. A súa falta de empatía coas persoas que están a sufrir o peor da crise é cada día máis evidente. A última xuntanza para falar sobre o plan de choque foi o 12 de abril.
A pesar dos reiterados anuncios dun modificativo de crédito que permitirá poñer en marcha o novo Presco, non se produciu nin un só avance este mes. O goberno aínda non rematou de pagar as axudas de 2020 e segue sen aclarar de cantos fondos pode dispoñer para renovar o plan de choque. Só puxo sobre a mesa unha cantidade ridícula, un remanente de 3,6 millóns de euros, cando o ano pasado non foi suficiente con 13,5 millóns. As axudas, se chegan, chegarán xa tarde para moitos negocios, que precisaban unha axuda para afrontar o primeiro trimestre do ano. E mentres, as propostas para Rescatar A Coruña que puxemos sobre a mesa hai dous meses seguen sen reposta e o goberno local néganos o acceso ao estado de execución do orzamento prorrogado.
O mesmo acontece cos convenios coas entidades sociais, culturais, deportivas e veciñais da Coruña, que seguen a traballar aló onde non chega as institucións, pero que non están a recibir o apoio que merecen do goberno local. Os aprobados en febreiro seguen sen asinarse, e a prometida ampliación para chegar a máis organizacións do terceiro sector está paralizada. Mentres, o xulgado terá que decidir sobre o bloqueo ilegal de Inés Rey lle aplicou ás nosas emendas, que sumaban 340.000 euros aos convenios financiados con aforro en propaganda e reutilizando fondos que resultaron innecesarios para renovar determinados contratos.
Mentres a crise avanza e temos 2.200 persoas máis no paro que cando comezou o mandato, a axenda da alcaldesa evidencia unha preocupante falta de empatía. Mentres apura á hora de reactivar pelotazos urbanísticos como o de Percebeiras ou o que se prepara en San Diego, e en aparecer en fotos xunto a altos cargos da Xunta e o Estado, non ten nada que ofrecerlle ás persoas que peor o están a pasar.