“Levamos meses preguntando sobre a previsión para a posta en marcha dos orzamentos participativos, que involucra directamente á cidadanía e que mesmo este ano podería ser máis relevante por mor da pandemia. A contestación foi: á maior brevidade posible. E, disto, hai xa tres meses”, afirma Claudia Delso.
Este programa forma parte dos acordos orzamentarios do pacto de goberno que o PSOE está a incumprir sistematicamente.
A Marea Atlántica cuestionará no vindeiro pleno de setembro o estado da convocatoria dos orzamentos participativos, que semella non ter aínda data de arranque.
Os orzamentos participativos, convocados dende 2016 durante o goberno da Marea Atlántica, son unha das canles de participación directa nas que a veciñanza poden decidir directamente a que dedicar tres millóns do capítulo de investimentos do orzamento municipal. Unha política pública que conta cunha importante consolidación técnica e que xa ten carácter estrutural no Concello da Coruña.
“Cremos que é importante activar xa a convocatoria, que este ano mesmo se podería enfocar cara a Covid-19 e a adaptación da cidade ás circunstancias da pandemia” alega a concelleira Claudia Delso. “Suxerimos que, tendo en conta este contexto, a orientación da convocatoria debería favorecer iniciativas no eido dos coidados, o medio ambiente, o espazo público, a mobilidade ou os espazos verdes, por exemplo”, apunta a edil.
No pasado ano coa entrada do novo executivo, os orzamentos participativos, a pesares de ter xa unha bagaxe e implantación importantes entre a cidadanía, deixaron de ser unha prioridade, aínda cando forman parte dos acordos orzamentarios do pacto de goberno. O primeiro que fixo o PSOE foi acortar as fases de apoio e votación dos orzamentos participativos, o que motivou a protesta de varias entidades veciñais.
“Este programa resulta chave como panca de mellora da calidade democrática no concello, trátase dun proceso de participación directa que vén medrando dende o 2016. Pensamos que é imprescindible que se continúe impulsando e instamos ao goberno municipal a que reflexione neste sentido e non os relegue ou descoide” agrega Claudia Delso