Iago Martínez: “Á falta de analizar a fondo os datos, celebramos que Inés Rey escoitase as nosas demandas e aumentase os escasos seis millóns anunciados para afrontar á pandemia”
Aumentar os fondos para axudas ao emprego, apoio ao autónomos e pemes máis afectadas e políticas sociais é urxente
O vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martínez, participou hoxe na Comisión de Facenda convocada no Concello e volveu reclamarlle ao goberno municipal que presente toda a documentación que aínda ten pendente e que, cos datos na man, comece canto antes as negociacións para darlle forma a un modificativo de crédito para lanzar un Orzamento de Emerxencia co que afrontar as consecuencias da pandemia do COVID-19. Celebrou, en todo caso, que tal e como lle pedimos o executivo local puxese sobre a mesa unha proposta máis ambiciosa: mobilizar 14 millóns en lugar dos 6 que anunciara inicialmente a semana pasada.
“A falta de estudar en detalle de onde pretende o goberno sacar o cartos, é positivo que se duplicase a cantidade que está disposto a mobilizar, como solicitou a Marea Atlántica”, sinalou Martínez. E engadiu que “temos toda a vontade para chegar a acordos, pero non debemos perder de vista as prioridades: políticas sociais ambiciosas e un maior investimento público para protexer a quen o precisa”.
Porén, e pese a que o pedimos repetidas veces, o equipo de Inés Rey segue sen ofrecer informes sobre o superávit do Concello en 2019, nin sobre o estado da tramitación de convenios e subvencións, necesarios para negociar en detalle o modificativo”, argumento Martínez.
Rescate social e apoio aos sectores vulnerables
O primeiro destino destes fondos debe ser o rescate social das persoas que corren perigo de exclusión, de non poder cubrir as súas necesidades básicas. Para iso, como pedimos desde o primeiro día é necesario incrementar fondos en servizos sociais e en prestacións como a Renda Social Municipal, que está a ser fundamental. E tamén ampliar o persoal, rachando cos límites impostos polas políticas de austeridade, e garantindo unha rápida tramitación para que as axudas cheguen a tempo. “Despois de moitas semanas repetíndoo, semella que o goberno por fin escoitou”.
E, inmediatamente despois, é necesario apoiar aos sectores económicos máis afectados polo confinamento, Iago Martínez lembrou aquí as nosas propostas de abrir unha liña de axuda para traballadoras autónomas, pemes e micropemes afectadas pola crise, lanzar un Plan de Emprego de Choque para favorecer a contratación, e crear bonos de consumo no comercio local, nos que unha persoa poida pagar 50 euros e gastar 75 nun establecemento cando sexa posible que volva abrir, cubrindo o Concello coa diferenza.