Saltar ao contido

Na Comisión de Honras, a Marea Atlántica votará a favor de decidicarlle unha rúa ao ex xogador e adestrador do Depor

Proporemos retomar os acordos do mes de marzo e dedicarlle espazo no rueiro a Xabier P. Docampo, Ángeles Alvariño, Celia Brañas ou Ramiro Cartelle

 

O grupo municipal da Marea Atlántica apoia a proposta de dedicarlle unha rúa a Arsenio Iglesias, xogador do Depor, adestrador na mellor etapa do equipo e figura fundamental no deporte coruñés. Esta proposición nace dunha iniciativa cidadá que recolleu máis de 1.200 sinaturas, e levarase á Comisión de Honras este venres e contará co noso voto favorable. Aos seus 89 anos, Arsenio representa a humildade e o sentidiño que nunca debera perder o deporte profesional.

A comisión tamén valorará outras propostas chegadas de diferentes entidades e colectivos cidadáns. E estudará a proposta de nomear Fillo Predilecto da Coruña a Pedro de Llano, Bocelo, que contará tamén con noso voto favorable. Foi xornalista, director El Progreso, El Ideal Gallego e La Voz de Galicia e defensor da liberdade de expresión durante a ditadura franquista. Xa o goberno de Xulio Ferreiro puxera en marcha esta proposta, solicitada pola familia de Bocelo. 

Aproveitando a convocatoria da Comisión de Honras, lembramos que a última vez que se reuniu no anterior mandato, en marzo de 2019, deulle o seu visto bo a unha serie de nomes para rúas que aínda non se fixeron efectivos, polo que propoñemos que se retomen. Entre eles, está o do escritor Xabier P. Docampo, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, falecido en 2018 e toda unha referencia nas letras galegas, ademais de veciño da Coruña.

 

Mulleres na cultura científica

Entre outras, cómpre homenaxear tamén a figura de Ángeles Alvariño, pioneira no campo da oceanografía e descubridora de 22 organismos mariños; desenvolveu boa parte da súa carreira en Estados Unidos e foi a primeira muller científica en viaxar a bordo dun buque oceanográfico.

E a de Celia Brañas, nacida en 1880 e unha das primeiras mulleres en ter formación cienfítica en Galicia, unha vez que desapareceu a normativa que lles impedía estudar na Universidade. Foi unha incansable divulgadora e promotora da creación dun Centro Oceanográfico na Coruña. Ambas son mulleres que salientaron na investigación científica, e que no seu día non tiveron o recoñecemento que merecían, precisamente por ser mulleres.

Tamén agarda por unha rúa Ramiro Cartelle (1935-2000), nacido e finado na Coruña, compositor, músico, divulgador e mestre, e responsable do arquivo musical da CRVTG desde a súa creación. O seu nome foi proposto polo Instituto José Cornide.

Son só algúns exemplos da nomenclatura proposta ao remate do pasado mandato para o rueiro da Coruña, pero existen outras moitas impulsadas por asociacións e colectivos veciñais, que deberan ser atendidas.

 

Unha rúa para Arsenio na Coruña