Saltar ao contido

Os comentarios están pechados.

Xulio Ferreiro anuncia que a Marea Atlántica creará unha Renda Social Municipal para persoas en risco de exclusión que pode alcanzar ata un máximo de entre os 400 e os 700 euros mensuais

O candidato á alcaldía da Marea cifra en tres millóns de euros o custo da aplicación da medida, que calcula que podería beneficiar a unhas 1.200 familias ás que se lle axudaría a obter un mínimo de renda básica

XulioFerreiro

O cabeza de lista da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, anunciou outra das 25 medidas que a candidatura que encabeza tomará de maneira inmediata cando acceda ao goberno local despois dos comicios municipais de maio. Así, Ferreiro desvelou que a Marea creará unha Renda Social Municipal “destinada a aquelas persoas en risco de exclusión social e que axude a garantir o acceso a unha vida digna a toda a cidadanía, con teito, auga, luz e subsistencia”.

Ferreiro apuntou varios datos sobre a emerxencia social que fan necesaria esta iniciativa, “xa que A Coruña conta cun 13% da súa poboación por baixo do limiar da pobreza e 22.000 persoas desempregadas, das que a metade non recibe ningún tipo de subsidio”. Así mesmo, indicou que na cidade hai 1.153 que precisan da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) da Xunta ou das Axudas de Emerxencia Social (AES) para saír adiante.

Xulio Ferreiro insistiu no feito de que a Taxa de Risco de Pobreza medrou na Coruña (2007-2012) nun 70%, o maior incremento dos sete concellos  galegos. Ao que hai que engadir que desde que goberna o Concello o señor Negreira as persoas perceptoras de RISGA ou AES medraron nun 54% .

Así, o candidato á alcaldía da Marea Atlántica afirmou que a Renda Social Municipal que propón “completaría os ingresos das persoas que o precisen até que alcancen o límite máximo para poder acceder á RISGA, o que podería alcanzar unha contía máxima de entre 400 e 720 euros mensuais segundo a cantidade de membros da unidade familiar e a inclusión ou non de menores”. A Renda Social Municipal non sería compatible coa RISGA e, segundo estimacións da Marea, podería axudar a unhas 1.200 familias na cidade.

“Esta medida custaríalle ao concello tres millóns de euros anuais, polo que non se trata dun brinde ao sol senón de algo perfectamente asumible”, apuntou Ferreiro, que engadiu que os fondos desta Renda Social Municipal poderían obterse mediante “a mellora da recadación, a renegociación das condicións financeiras da débeda, a revisión dos convenios coa Autoridade Portuaria ou o aforro dun millón de euros ao ano que suporá reducir á metade o custo do goberno municipal ao rebaixar gastos e soldos de cargos electos e asesores”.

Por outra parte, o candidato á alcaldía da Marea Atlántica tamén anunciou o comezo da confección do programa participativo co que a iniciativa cidadá se presentará ás eleccións, que comezará esta fin de semana cun Encontro Aberto á Cidadanía e que finalizará, tras un periodo de participación a través de internet, coa presentación do Programa Electoral o 14 de abril.

Por último, Xulio Ferreiro volveu valorar as primarias que a Marea celebrou a pasada fin de semana, cuxa participación cualificou de “excelente”. “Máis de 700 persoas emitiron o seu voto, o que nos converte no proceso interno máis participativo de todos os que se realizaron na cidade de cara a estas eleccións e tamén na candidatura que se presenta cun maior aval cidadán. Por poñer exemplos, nas primarias do PSOE só votaron 421 persoas. E iso, por non falar das do PP, nas que só vota unha persoa: o señor Núñez Feijóo”, afirmou o cabeza de lista da Marea Atlántica.

XulioFerreiro_prensa

Unha Renda Social Municipal para loitar contra a exclusión