Saltar ao contido

Xulio Ferreiro: “A Marea representa un cambio político que significa tamén un cambio cultural”

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, participou nun encontro aberto da Marea da Cultura, no que defendeu “un Concello que deixe os fastos e contedores baleiros e faga agromar a potencialidade cultural dunha cidade que sempre foi vangarda”

 

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, participou este venres nun encontro aberto da Marea da Cultura, no que defendeu un cambio na política cultural do Concello “que faga agromar a potencialidade dunha cidade que sempre foi vangarda pero cuxos sectores máis creativos non contan con impulso ou colaboración efectiva por parte do goberno local”.

“A Marea aposta por un Laboratorio Cultural, por vincular o Concello coa Universidade, por alimentar unha Rede de Bibliotecas Públicas e Museos que o goberno do señor Negreira está deixando esmorecer ou privatizando, apartando aos traballadores e traballadoras municipais a pesar da súa cualificación e do cariño que poñen no seu labor. O PP prefire deixar a Cultura da cidade en mans de empresas como Eulén, onde ten un importante papel a irmá do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo”, apuntou Ferreiro, que criticou tamén “a cultura da Pokémon que practicou o goberno do señor Negreira, onde o departamento de Cultura foi dos máis utilizados para construír unha trama de favores e enchufismo”. Nesa liña, Xulio Ferreiro defendeu a política cultural de base “que se deixe de fastos ou contedores baleiros e aposte polos creadores e creadoras da Coruña”. “Na Marea temos un serio programa para outra política cultural, pensada desde e para a cidadanía, que se afasta do vello modelo de compra de vontades para abrir un ciclo distinto: de participación, de intercambio de saberes, o novo tempo que representa a Marea Atlántica, onde o cambio político significa tamén un cambio cultural”.

O acto, que se celebrou nos xardíns de Méndez Núñez e no que houbo constantes referencias á estatua adicada á figura de Curros Enríquez que nesa zona loce, tamén contou coa intervención do número cinco da candidatura da Marea, José Manuel Sande, que criticou que “desde as institucións se pense na Cultura en términos pasivos, non activos”; da número oito da plataforma cidadá, Claudia Delso, que defendeu “as políticas do corpo” ou dunha das persoas de especial simbolismo que foron elixidas por consenso para o tramo final da candidatura, a escritora Estíbaliz Espinosa, que lembrou que “a Cultura nunca é Unha e Grande, pero sempre é Libre”.

Unha política cultural pensada desde e para a cidadanía