Saltar ao contido

Begoña de Bernardo e María Castelo, do colectivo Véspera de Nada, participaron nunha palestra aberta no local da Marea, na que se debateu sobre o modelo económico, a falacia do crecemento infinito e o papel da muller

O ecofeminismo é unha corrente ideolóxica que defende que a loita por unha sociedade sostible e respectuosa co medio ambiente pasa, necesariamente, pola eliminación das desigualdades de xénero, pois son os mesmos modelos patriarcais os que causan a discriminación das mulleres e a sobreexplotación dos recursos naturais. Así o expuxeron Begoña de Bernardo e María Castelo, do colectivo Véspera de Nada, na palestra aberta que se celebrou o 8 de xaneiro no local da Marea Atlántica.

De Bernardo lembrou que perseguindo a idea de que é posible facer medrar o PIB ano tras ano, de xeito continuado, o sistema embárcase nunha carreira cega e insostible que xera desigualdade e esgota a riqueza do planeta.”O modelo de crecimento económico exponencial e continuo é imposible. Só nos leva ao colapso”, asegurou.

Neste escenario, “o obxectivo do sistema é que vivamos eternamente insatisfeitas, para ter sempre que consumir”. Conseguimos traballos precarios para poder mercar bens precarios, sen ter en conta que estamos a esgotar o que a Terra nos ofrece. Por iso, de Bernardo fixo un chamamento a “feminizar a economía”, substituindo os valores da competitividade e o individualismo pola colaboración e o traballo colectivo.

A necesidade de decrecer

Fotos de Antía García SendónBegoña de Bernardo advertiu que “o decredemento é inevitable. Na nosa man está decidir se o asumimos de xeito consensuado e organizado ou en condicións de escravitude, asumindo recortes en servizos públicos e condicións laborais mentres outros manteñen os seus privilexios”. Neste sentido, lembrou que “cando os recursos ficticios e financeiros perdan o seu valor, só nos quedarán os recursos reais: a terra, a auga e as sementes. Por iso estanas a privatizar en todo o mundo”

O camiño para asumir o decrecemento é, segundo De Bernardo, “adestrar a nosa resiliencia e capacidade para asumir os impactos, e recuperar os saberes útiles”. Defendeu que “temos que poñer en valor o traballo invisible, o dos coidados das crianzas e os maiores, que está invisibilizado pese a ser o máis importante de todos, o que sostén a vida. O patriarcado esclaviza ás mulleres nesas tarefas, sen outurgarlles un mínimo recoñecemento”.

Pola súa banda, María Castelo insistiu en que “para o capitalismo, tantos as persoas como os ecosistemas son elementos a explotar. Temos un modelo de crecemento destructivo desde o punto de vista ecolóxico e social, que nos fai individualistas e destrúe as redes de axuda colectiva das que disponíamos no pasado”.

Asegurou que, “estamos a vivir como se dispuxéramos de recursos infinitos, incluso desde o ecoloxismo máis clásico. Un exemplo é a insistencia na reciclaxe como o gran proceso ecolóxico. Pero en realidade, reciclar consume recursos. Antes de chegar a ela, teríamos que reducir o consumo e utilizar o que temos, pero comezamos polo final”.

O valor dos coidados

1009921_1128756863802773_6979116989386356297_nCastelo tamén amosou dúbidas sobre o feito de que a incorporación da muller ao mercado de traballo fose unha verdadadeira liberación, xa que “deu man de obra ao sistema a custa de afastarnos do coidado das nosas crianzas, un rol no que as mulleres do rural souberon atopar a súa independencia”. Este punto xenerou un interesante debate co público, sobre a importancia de non asumir que as tarefas de coidados son competencia exclusiva das mulleres. Hai que asumir o pasado e aprender del, pero sen caer na idealización.

A palestra encheou o aforo do local da Marea,  e pechouse cun rico intercambio de opinións entre as asistentes. A resposta acadada pon sobre a mesa a importancia de reflexionar e debater sobre a ecoloxía e o feminismo tendo en conta todos os procesos e loitas, dentro e fóra da vía institucional.

Galería de fotos

Unha ollada ao ecofeminismo