Saltar ao contido

Xulio Ferreiro: “A Marea fará efectiva a súa aposta polos espazos públicos e abrirá o Parque do Observatorio na Agra”

 O candidato d a Marea Atlántica á alcaldía da Coruña defende unha política “con máis verde” e aposta por “garantir a dispoñibilidade pública dunha superficie moi necesaria para unha cidadanía con escasas zonas de lecer ao aire libre”

 

O cabeza de lista da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, insistiu na necesidade de “apostar polas zonas verdes e tamén pola economía verde, un sector á alza”, e lembrou que a plataforma cidadá que encabeza “defende o uso público dos espazos, xa que os intereses da Marea son os da xente, non os das construtoras”.

Nesa liña, Ferreiro destacou que o programa electoral da Marea defende “a apertura efectiva do Parque do Observatorio da Agra do Orzán”, así como outras medidas destinadas a preservar os bens de todos e todas, entre eles os espazos comúns de calquera barrio da cidade”. “É sobradamente coñecida a carencia de espazos de lecer ao aire libre na Agra do Orzán, o de maior densidade de poboación e que non conta no seu interior con ningunha zona que realmente acade a categoría de parque”, indica.

Así, Ferreiro asegura que “o proxecto de apertura dunha parte dos terreos do Parque do Observatorio é raquítica con relación ao conxunto destes terreos, polo que desde a Marea apostamos por axilizar a execución do conxunto dese parque a través dos procedementos legais xa empregados noutras actuacións polo Concello, que así garantirían a dispoñibilidade para uso público de ditas superficies, sen necesidade de ter que agardar á tramitación da urbanización por parte dos propietarios privados”. “Desde María Pita existen ferramentas legais e asumibles para defender os espazos de todos e todas, con preferencia polas zonas verdes, sen ter que axeonllarse ante o negocio do cemento. E hai que aplicalos en situacións de urxencia, como é o da Agra da Orzán”, indica o cabeza de lista da Marea Atlántica.

Parque de Bens

Xulio Ferreiro recordou outras das apostas da plataforma cidadá nese sentido, como protexer o actual Parque de Bens como espazo público verde en vez da súa cesión gratuíta a unha iniciativa comercial privada ou promover a recuperación para uso común do antigo cárcere provincial. Por último, Ferreiro recordou que, desde o goberno municipal, “a Marea creará Xuntas de Barrio nas que a veciñanza poderá decidir de forma democrática a que actuacións destinan algunhas das partidas do orzamento do Concello”.

 

Unha Agra máis verde