Todos os grupos municipais coinciden en solicitar que os Orzamentos Xerais para 2020 atendan contas pendentes coa cidade
Lamentamos que a alcaldesa non escoitase as nosas reiteradas peticións de convocar antes esta sesión plenaria, e tivese que facelo o Partido Popular, en plena crise sanitaria
A Corporación municipal acordou hoxe por unanimidade reclamarlle ao Goberno do Estado un investimento á altura do que a cidade da Coruña e a súa Área Metropolitana merecen. A esixencia faise diante do incumprimento reiterado de compromisos como a humanización de Alfonso Molina e a construción da pasarela de Pedralonga, o saneamento da Ría do Burgo, a mellora dos trens de proximidade… E de necesidades obvias, como un estatuto para a industria electrointensiva que garanta 5.000 empregos en Galicia e a condonación da débeda do Porto.
Porén, pese ao acordo sobre estas reivindicacións innegables, lamentamos que a alcaldesa non exercese as súas competencias para convocalo antes, tal e como lle pedimos desde a Marea Atlántica, xa en xaneiro. Deste xeito, rematou por ser solicitado polo PP, que ten os votos suficientes para forzar a súa convocatoria, e celebrouse en plena emerxencia sanitaria, cando a actividade corporativa debera limitarse.
Como lembrou o vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martínez, “solicitamos publicamente este pleno o 27 de xaneiro, ante a venda dos terreos do Campo da Estrada e o ninguneo do Ministerio de Fomento, pero a alcaldesa non quixo escoitar”. Reiteramos a solicitude por escrito e a través do rexistro municipal, co mesmo resultado. E o 6 de febreiro presentamos unha moción que foi apoiada pola maioría da Corporación, que tamén foi ignorada por Inés Rey.
O oportunismo do Partido Popular
Que sexa o PP quen presente un acordo para reclamar investimentos do Estado é, cando menos, hipócrita e electoralista, tendo en conta que non se fixeron tampouco en ningún dos mandatos nos que o inquilino da Moncloa tiña carné do seu partido. En todo caso, as demandas son tan obvias e levan tanto tempo sobre a mesa que contaron con voto favorable de todos os grupos.
“Sexan serios, señores do PP e do PSOE e non disipen responsabilidades. Aquí non gobernou ninguén? Canto hai que temos o problema que temos na Ría do Burgo? Canto hai que temos unha intermodal sen executar? Canto hai que agardamos a humanización de Alfonso Molina? Canto tempo levan as conexións ferroviarias sen unha mínima modernización?”, argumentou Iago Martínez.
Un pleno sen emendas
Tanto a Marea Atlántica coma o BNG quixemos presentar emendas ao texto proposto polo Partido Popular, pero non foi posible por criterio do secretario do Pleno. As nosas propostas para completar o acordo eran as catro seguintes:
- Reclamar a cesión ao Concello dos terreos desafectados do Ministerio de Defensa, e dos que se desafecten no futuro, para evitar manobras especulativas como a da Maestranza.
- Regular o mercado do alugueiro e limitar os prezos abusivos que atentan contra o dereito á vivenda.
- Esixir a cesión gratuita ao Concello do antigo cárcere provincial da torre para o seu uso público, e achegar fondos para rehabilitalo.
- Impulsar as modificacións normativas necesarias para liquidar a austeridade e permitir que os concellos con economía saneada poidan investir libremente o seu superávit.
Todo o apoio nas medidas fronte ao coronavirus
Finalmente, Iago Martínez trasladou, en nome de toda a Marea Atlántica, “unha mensaxe de gratitude e recoñecemento ao persoal sanitario e investigador que son a primeira liña de defensa fronte á pandemia do coronavirus”. “Sabemos que traballan con menos recursos dos necesarios e que foron vítimas, nos últimos anos, especialmente en Galicia, de políticas austericidas que precarizaron e debilitaron servizos esenciais para o sostemento da vida nunha etapa negra que inaugurou a submisión de Zapatero a Alemaña e continuou, con verdadeira paixón neoliberal, o señor Mariano Rajoy”.