Saltar ao contido

O PSOE queda só na defensa dun convenio irregular de 600.000 euros para duplicar o contrato de limpeza: pedímoslle que destine eses cartos a medidas de rescate social

As tres mocións presentadas pola Marea Atlántica resultaron aprobadas pola maioría do Pleno do Concello da Coruña: en defensa do emprego na fábrica de aluminios de Agrela e no Hotel Atlántico (unanimidade); para reclamar máis prazas públicas en residencias de maiores (único voto en contra do PP); e solicitando que o goberno muncipal non malgaste 600.000 euros en duplicar o contrato de limpeza nestes momentos de crise (único voto en contra do PSOE).

Deste xeito, toda a corporación apoiou a nosa solicitude de apoio para o persoal da antiga Alcoa, que volve ver en xogo o seu emprego por mor dunha operación de venda opaca e dubidosa. E á xente do Hotel Atlántico, afectada por un ERE nas peores condicións, pese a que o contrato de arrendamento municipal contén a obriga de garantir o emprego.

Como sinalou Alberto lema, “en ambos os dous caso o goberno de Inés Rey amosou una enorme pasividade, pouco comprensible nestes momentos de emerxencia”. Puxo o interese da empresa por enriba do cadro de persoal no caso do Hotel Atlántico, e mantivo un incomprensible silencio no caso da fábrica de aluminios, tardando máis dunha semana en dar mostras de apoio. De feito, representantes do Comité de Empresa da actual Alu Ibérica quixeron asistir ao debate do Pleno, coas debidas medidas para evitar contaxios, pero Inés Rey decidiu non permitilo.

O PSOE quere manter un convenio irregular

Tamén resultou aprobada a nosa moción para pedirlle ao goberno municipal que non malgaste 600.000 euros nun convenio irregular para duplicar o contrato de limpeza. “Teñen un servizo que acaba de renovarse, por 14 millóns de euros anuais, e non se explica a teima en solapalo. Por iso pedimos que destine eses cartos a apoiar o emprego e os fogares que están a levar a peor parte da crise do COVID19”, explicou Alberto Lema. Só o PSOE votou en contra da proposta.

Lamentablemente, a concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, anunciou a súa vontade de seguir adiante e ignorar tanto os acordos maioritarios da Corporación como as advertencias da Secretaría e a Intervención da Deputación, contrarias a este convenio.

Por último, levamos unha moción para denunciar a elevadisima privatización das residencias de maiores, na Coruña e en Galicia, e reclamarlle á Xunta e ao Estado que fagan un maior investimento en prazas públicas de calidade. María García fixo tamén un chamamento a protexer os dereitos laborais das traballadoras de coidados, “un sector feminizado e altamente precarizado, pero fundamental para a vida”. Neste caso, todos os grupos votaron a favor agás o PP, moi cómodo cos convenios que Feijóo asina con fondos voitre como DomusVi.

En defensa da autonomía local

Doutra banda, aprobáronse dúas mocións en defensa da autonomía local e dos servizos públicos, presentadas polo BNG e, paradoxalmente, polo PP. Como sinalou o concelleiro Iago Martínez, “a hipocrisía do Partido Popular é chamativa, mágoa que non recapacitaran antes, podían ternos aforrado anos de recortes e privatizacións que poñen vidas en risco”.

Curiosamente, a Marea Atlántica propuxo unha declaración institucional para esixir que se permita aos concellos aumentar o seu persoal, e foi xusto o PP quen a bloqueou. Por sorte, as súas líñas básicas recuperáronse en forma de emenda conxunta da Marea, PSOE e BNG ao texto do Partido Popular. “É hora de que o Estado rache as cadeas da austeridade e permitir que os concellos se reforcen, nestes momentos, unha soa axuda denegada por non poder tramitala é unha traxedia”.

Unanimidade na nosa moción en defensa do emprego na antiga Alcoa e no Hotel Atlántico