Saltar ao contido

As tres mocións presentadas polo noso grupo recibiron o apoio maioritario do Pleno, aínda que PP e PSOE sumaron votos para reducir as demandas en canto ao Dereito a Vivenda.  

Lamentamos que a alcaldesa impedise, no debate sobre medidas de conciliación, que se reproducise o audio dunha veciña reclamando axuda, nunha interpretación autoritaria do regulamento do Pleno

O grupo municipal da Marea Atlántica conseguiu aprobar hoxe as tres mocións que levou ao Pleno do Concello da Coruña, na sesión ordinaria do mes de xuño. Así, a nosa proposta de defender o emprego nas fábricas de aluminios de Alcoa e Alu Ibérica na Coruña e San Cibrao foi aprobada por unanimidade, ante a importancia de conservar o emprego industrial, máis ca nunca nestes momentos de crise.

O concelleiro Alberto Lema saudou a presenza de representantes do Comité de Empresa da fábrica de aluminios da Coruña na tribuna de María Pita e asegurou que “sempre nos terán ao seu lado na súa loita, que non esta a permitir que se esquezan os compromisos asinados hai un ano”. Neste sentido, instou á Xunta e ao Goberno do Estado a actuar para defender os 400 postos de traballo na nosa cidade e a investigar a venda da factoría ao Grupo Riesgo, levada a cabo dun xeito opaco e altamente irregular.

Lema lembrou que “os problemas neste sector veñen da ruinosa privatización de Inespal, e da desregulación do sector eléctrico, engraxada polas portas xiratorias”. “Pero o problema chega ata hoxe  e hai que resolvelo hoxe”, sentenciou.

Prohibido escoitar a voz da veciñanza

A nosa moción para reclamar maiores medidas de conciliación foi aprobada tamén co voto favorable de todos os grupos, agás o da antiga representante de Ciudadanos. Pero tivo un comezo agridoce, cando a concelleira Silvia Cameán quixo poñer un audio de 20 segundos co testemuño dunha veciña necesitada de axuda, e a alcaldesa impediullo nunha interpretación restritiva do regulamento municipal. Silenciar a súa voz non fará, en ningún caso, que desapareza esta muller de 58 anos a cargo da súa nai afectada por un ictus, que só recibe unha hora ao día de axuda a domicilio.

Como lembrou Silvia Camén, “durante o estado de alarma, cos colexios e os centros de día pechados, os coidados están a recaer dobremente sobre as mulleres, e temos que poñer todos os recursos para axudalas”. A concelleira sinalou que non abondará co reforzo da canguraxe, a única medida de conciliación que o goberno da Coruña introduciu nas súas medidas contra a pandemia.

Neste sentido, propoñemos recuperar o programa Aberto Ao Barrio, que abriu os patios de cinco centros escolares no pasado mandato —e non dun só, como declarou unha desinformada Yoya Neira, concelleira responsable de Servizos Sociais—. Tamén poñer os centros de día e os centros deportivos a disposición das familias, con actividades para persoas dependentes, reforzar a Axuda a Domicilio e pedirlle á Xunta que, para variar, faga algo. “É intolerable ter os centros de día pechados ata setembro”, engadiu Cameán.

Doutra banda, tamén foi aprobada a nosa moción polo Dereito á Vivenda, de novo coa única abstención da antiga concelleira de Ciudadanos, que recollía demandas que se volveron dobremente importantes coa crise que se deriva da pandemia de COVID19: combater as vivendas baleiras, subíndolles os impostos, e regular o prezo dos alugueiros para evitar burbullas.

Lamentablemente, o PSOE introduciu una emenda, apoiada polo PP, para eliminar as esixencias que se lle facían ao Concello da Coruña: Condonación do pago dos alugueiros sociais nas vivendas municipais, combater o senfogarismo reforzando  programa Housing First e a colaboración con Provivenda, e crear a bolsa de alugueiro social  pactada hai un ano. Compromisos que o PSOE non quere asumir.

Paralelamente, o goberno municipal tamén se negou a ofrecer os datos sobre o seu gasto en propaganda, destinado a anunciar as medidas contra o COVID19 antes de que estas entren en vigor. Non ofreceron os datos cando a Marea Atlántica preguntou por escrito, e tampouco durante o Pleno, cando o concelleiro Iago Martínez trasladou a cuestión de xeito oral: “Por moito que se empeñen, non hai ningún plan de choque, o que temos é un modificativo de crédito e un acordo político para aprobar axudas que aínda non teñen nin as bases redactadas”.

Emendas da Marea Atlántica

Saíron adiante, ademais, varias mocións doutros grupos con emendas da Marea Atlántica. É o caso das iniciativas do BNG, relacionadas co apoio ao sector pesqueiro —na que engadimos a necesidade de incorporar as áreas do Portiño, Illas de San Pedro e Punta Langosteira ás áreas reservadas para a extracción do percebe, asi como de promocionar o consumo de peixe e marisco da lonxa da Coruña— e en defensa do galego —onde introducimos unha solicitude ao goberno municipal para expresarse en galego e aprobar a Ordenanza de Normalización Lingüística, bloqueada no anterior mandato—.

 

Tamén emendamos a proposta da anterior concelleira de Ciudadanos para crear unha aplicación de compra on-line para o pequeno comercio coruñés, engadindo a petición de que se realice con software aberto e coñecemento local. E a proposta do PP de ampliar as terrazas e apoiar á hostalería, onde sumamos a esixencia de que esta ampliación non se faga a cambio de roubarlle espazo a quen vai a pé.

O primeiro que estará da Intermodal, o que deixou a Marea

O Pleno aprobou tamén por unanimidade a modificación puntual do PXOM para encaixar a estación intermodal na Sardiñeira, un proxecto que deixou listo o goberno da Marea Atlántica. Como lembrou Xiao Varela, “en febreiro de 2019 estaban sobre a mesa os proxectos de trazado, e ao final cumprirase o que sempre dixemos, que o primeiro que vai estar da intermodal é o que deixamos listo no Concello, os accesos”. Nin Adif, a pesar de que a alcaldesa e o delegado do Goberno prometeron unha licitación inminente hai xa un ano, nin a Xunta, que mantivo un constante bloqueo do proxecto durante anos, con intereses partidistas. Chegando incluso a mentir sobre os prazos das subvencións europeas.

Varela explicou que os cambios no trazado melloran as zonas verdes e o espazo público na Sardiñeira, convertendo a avenida nun bulevar, protexendo as vivendas que xa existen para evitar que se bote á xente da súa casa, como no Ofimático, e aforrando 20 millóns de euros na urbanización. “Contrasta plan que presentara a Xunta, que supuña meter unha autoestrada polos Mallos”, resumiu Xiao Varela.

En cuestións urbanísticas, abstivémonos na votación do estudo de detalle de ordenación de volumes na Fundación Adcor, por non estar suficientemente xustificado o aumento da edificabilidade; e da adaptación do PXOM na zona de Penarredonda para cumprir unha sentenza xudicial, por considerar que podería terse aproveitado para mellorar o espazo público. Cómpre lembrar que o Plan Xeral do PP acumula 21 denuncias en contra, consecuencia de facelo sen escoitar á veciñanza.

Os dous últimos asuntos da orde do día contaron co voto favorable da Marea Atlántica. Tratouse de sumar A Coruña á Rede de cidades que camiñan, unha decisión axeitada cando están a piques de cumprirse dous anos da peonalización da Cidade Vella no mandato de Xulio Ferreiro.

Tamén apoiamos que  cidade se incorpore ao Pacto de Alcaldías polo clima e a enerxía, unha decisión indubidable que María García, a nosa voceira, aproveitou para pedirlle ao goberno municipal que non se limite a asinar pactos e sacarse fotos, e non abandone as políticas sostibles polas que o Concello se caracterizou nos últimos anos, desde a eliminación “Lémbrolles que a parte mediambiental do noso acordo para o primeiro ano de mandato está sen cumprir, comezando pola creación dun operador enerxético municipal”, engadiu García.

Unanimidade na moción da Marea Atlántica en defensa do emprego nas fábricas de Alcoa e Alu Ibérica