Novas da Marea

índice.jpg

Un Plan B para Europa

Chamamento para construír un espazo de converxencia europeo contra a austeridade e para a construción dunha verdadeira democracia

Tradución ao galego do documento orixinal

En xullo de 2015 asistimos a un Golpe de Estado financeiro executado desde a Unión Europea e as súas Institucións contra o Goberno grego condenando á poboación grega a seguir sufrindo as políticas de austeridade que xa rexeitaran en dúas ocasións a través das urnas. Este golpe intensificou o debate sobre o poder das institucións da Unión Europea, a súa incompatibilidade coa democracia e o seu papel como garante dos dereitos básicos esixidos polos europeos.

Sabemos que existen alternativas á austeridade. Iniciativas como “Por un Plan B en Europa”, “Austerexit” ou DiEM25 (Democracy in Europe Movement 2025) denuncian a chantaxe do terceiro memorando de entendemento imposto a Grecia, o fracaso económico que suporá e o carácter antidemocrático da UE. Recoñecido polo mesmo presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, quen declarou: “Non pode haber decisións democráticas contra os tratados europeos”.
Tamén somos testemuñas da resposta insolidaria (en ocasións até xenófoba), das Institucións Europeas e dos Estados Membros ante a chegada de refuxiados procedentes de Oriente Medio e África, e ante o drama humano que iso supón. Remarcando a hipocrisía do discurso da UE respecto dos DDHH, que de forma indirecta, a través da venda de armas ou con políticas comerciais, é un actor clave nos conflitos que provocaron as recentes crises humanitarias.
O réxime de crise da UE, iniciado hai oito anos e baseado na austeridade, privatiza os bens comúns e destrúe os dereitos sociais e laborais en lugar de facer fronte ás causas iniciais da crise; a desregulación do sistema financeiro e a captura corporativa das institucións da UE a través dos grandes lobbies e as portas xiratorias. A UE promove solucións falsas negociando, con gran opacidade e sen apenas control democrático, tratados de comercio e investimento como o TTIP, o CETA ou o TiSA, que eliminan o que consideran barreiras ao comercio: os dereitos e normas que protexen á cidadanía, aos traballadores ou ao medio ambiente. É o golpe definitivo ás nosas democracias e ao Estado de Dereito, especialmente a través dos mecanismos de protección ao inversor.

A actual UE está gobernada de facto por unha tecnocracia ao servizo dos intereses dunha pequena, pero poderosa, minoría de poderes económicos e financeiros. Todo iso provocou o rexurdimento do discurso da extrema dereita e de posicións xenófobas e nacionalistas en moitos países de Europa. Os demócratas temos a responsabilidade de reaccionar ante esta ameaza e impedir que os fascismos capitalicen a dor e o descontento da cidadanía, a cal malia todo demostrou solidariedade ante a traxedia humanitaria que sofren centos de miles de persoas refuxiadas.

A sociedade xa se puxo a traballar por un cambio radical nas políticas da UE. Mobilizacións sociais, como Blockupy, a campaña NON ao TTIP, o Alter Summit, a folga xeral europea en 2012, as Euromarchas, ou o inxente traballo realizado por numerosas plataformas cidadás e ONGs, supoñen un valioso capital humano, intelectual e ideolóxico pola defensa dos Dereitos Humanos, o respecto á Terra e á dignidade das persoas por riba de intereses políticos e económicos. Cremos, con todo, que é necesaria unha maior coordinación e cooperación práctica para a mobilización a nivel europeo.

Hai moitas propostas en marcha para acabar coa austeridade: unha política fiscal xusta e o peche de paraísos fiscais, sistemas de intercambio complementarios, a remunicipalización dos servizos públicos, o reparto igualitario de todos os traballos incluídos os coidados en condicións de dignidade, a aposta por un modelo de produción baseado nas enerxías renovables, e reformar ou abolir o pacto fiscal europeo -formalmente Tratado de Estabilidade, Coordinación e Gobernanza na Unión Económica e Monetaria.

O exemplo de Grecia mostrounos que para facer fronte á actual conxuntura debemos axuntar esforzos desde todos os Estados Membros e desde todas as esferas: política, intelectual e da sociedade civil. A nosa visión é solidaria e internacionalista.
Por estes motivos, queremos xerar un espazo de confluencia no que todas as persoas, movementos e organizacións que nos opoñemos ao modelo actual de Unión Europea e consensuar unha axenda común de obxectivos, proxectos e accións ,co fin último de romper co réxime de austeridade da UE e democratizar radicalmente as Institucións Europeas, poñéndoas ao servizo da cidadanía.

Para iso propoñemos convocar unha conferencia europea os días 19, 20 e 21 de febreiro en Madrid, e chamamos publicamente a participar nos debates, grupos de traballo e exposicións que alí se organizarán.

Asinan este documento entre outros e outras personalidades da vida política, cívica e académica Yanis Varoufakis, Ada Colau, Ken Loach, Noam Chomsky, Alberto Garzón, Alexandra Fernández, Anna Gabriel, Beatriz Talegón, David Fernández, José María González “Kichi”, Juan Torres, Lidia Senra (eurodeputada de AGE), Pablo Echenique, Pedro Santisteve, Teresa Rodríguez, así como Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña.

Have your say