Saltar ao contido

O Pleno do Concello da Coruña amosa o seu apoio á creación da Área Metropolitana da Coruña, aínda que o PP e o PSOE bloquean o comezo inmediato do traballo

Houbo acordo en cubrir a débeda de Emvsa e crear unha oficina polo dereito á vivenda, con parte dos fondos reservados este ano para a Renda Social Municipal, un proxecto que segue a estar garantido e a ser unha das prioridades do Goberno municipal

A oposición bloqueou procesos urbanísticos clave, impedindo o financiamento da estrada de acceso ao Ofimático, a ampliación do campo de fútbol de Eirís e a mellora de BiciCoruña

O Pleno do Concello da Coruña logrou onte un acordo de mínimos para ratificar a Declaración de María Pita e impulsar a creación dunha Lei da Área Metropolitana da Coruña, como xa fixeran o 20 de outubro as alcaldías de Oleiros, Cambre, Culleredo, Betanzos, Sada, Bergondo e A Coruña. Logrouse co voto a favor da Marea Atlántica, o BNG e o voceiro do PSOE, e coa abstención do resto do grupo socialista e do PP.

Foi un avance pequeno, pero significativo, porque chega logo de 30 anos de parálise na relación da Coruña coa súa comarca. E aínda así, o PP e o PSOE bloquearon –tal e como acostuman– un avance maior porque sosteñen que “non hai présa” en impulsar a área metropolitana. Por iso, esixiron retirar do acordo a parte xurídica, e con ela o compromiso de iniciar xa o procedemento administrativo para poñer en marcha o proxecto que, no prazo dun ano, levarase ao Parlamento de Galicia coa intención de dotar á área metropolitana coruñesa dun marco legal estable. Quen adoita criticar ao goberno municipal por suposta parálise e lentitude, agora pisa o freo nunha iniciativa demandada por todos os concellos do Consorcio das Mariñas.

O alcalde, Xulio Ferreiro, lamentou “a “perda de oportunidade de apostar claramente polo proceso de construción da área metropolitana, teríanos gustado un compromiso máis forte, pero agardo que ninguén teña a intención de botarlle o freo de man a isto”. Lembrou que “esta idea non aparece da nada”. Leva décadas sobre a mesa, acumulando promesas incumpridas de poñelo en marcha, e colle forza desde finais de 2015, co Pacto de Mariñán, “onde as alcaldías da comarca piden que A Coruña asuma o seu papel e colla a iniciativa, porque antes non o estaba a tomar en serio”.

De aí a necesidade de impulsar unha Lei da Área Metropolitana, tal e como o PP e o PSOE fixeron en Vigo, para mellorar as conexións e o transporte público entre os concellos, potenciar o Aeroporto de Alvedro e o Porto Exterior, prestar conxuntamente servizos como a recollida de lixo, e poñer en marcha un sistema de ordenación urbana coordinado, entre outros asuntos.

“Non se trata do proxecto dunha persoa, nin dun goberno, nin dunha plataforma política. É un proxecto de toda a comarca, que determinará o noso modelo urbano para os próximos 50 anos, engadiu Ferreiro”, por iso, procura o “máximo consenso, dentro e fóra do pleno”.

 

Emvsa, a empresa de vivenda que se empregou para todo menos para a vivenda

O Pleno municipal debateu tamén sete modificativos de crédito, necesarios para impulsar medidas e aproveitar áreas do orzamento que poderían quedar sen executar. Cinco deles foron aprobados, entre os que destaca a transferencia de 1,2 millóns de euros para cubrir a débeda de Emvsa, a empresa municipal de vivenda. Este burato financeiro provén do costume dos gobernos anteriores de encomendarlle a Emvsa tarefas que teñen que ver con todo menos coa vivenda, e non acompañalas dos cartos necesarios. Así, esta entidade asumiu a construción dos aparcadoiros do Materno e As Conchiñas, o cobro das multas da Policía Municipal, ou a xestión da piscina da Fábrica de Armas, entre outras tarefas.

Agora, equilibradas as súas contas, será posible convertela “nunha oficina que traballe polo dereito á vivenda”, como explicou onte o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela. Os fondos necesarios proveñen do remanente da Renda Social Municipal: estaba previsto que entrara en vigor en marzo, pero por diversos motivos non puido comezar a tramitar solicitudes ata o 29 de setembro. Polo tanto, ían quedar cartos sen executar, que agora se empregarán tamén para un fin social, “garantir o dereito a un teito aos veciños e veciñas da Coruña”.

 

Nin estrada ao Ofimático, nin mellora de Bicicoruña e o campo de fútbol de Eirís

Porén, a oposición volveu á estratexia de bloqueou cando se tratou de liberar os fondos destinados a adquirir terreos para a estación Intermodal, que non se poderán aproveitar porque nin a Xunta nin o Goberno central avanzaron neste proxecto no último ano.

En palabras do alcalde, “o que queriamos era abrir a partida para poder realizar outras actuacións, como ampliar o campo de fútbol de Eirís –xa que, para que teña a medida regulamentaria, hai que explotar unha pequena finca– e outros procesos urbanísticos clave”. O mesmo proceso tería servido para expropiar os terreos necesarios para construír a estrada de acceso ao Parque Ofimático, unha actuación que non se poderá levar a cabo por agora, a pesar da demanda da veciñanza da zona.

Tampouco foi posible aprobar outro modificativo que tiña como obxectivo empregar medio millón de euros a mellorar o servizo de Bicicoruña, coa instalación de 16 novas bases e a mellora das bicicletas dispoñibles. A oposición negouse a permitir esta iniciativa, fundamental dentro da liña política do Goberno municipal que aposta pola mobilidade sostible e por dar ferramentas suficientes á cidadanía como para reducir o número de vehículos que circulan pola cidade.

 

Nomes con dignidade para as nosas rúas

Doutra banda, deuse luz verde, por unanimidade aos novos nomes previstos para rúas e lugares da cidade, co voto unánime de todos os grupos. A dignidade, a memoria, a igualdade, a poesía e a música entrarán no rueiro con Lois Pereiro, Luisa Villalta, Marcela e Elisa, Sinfónica de Galicia, Oito de Marzo e Pucho Boedo.

No Pleno tamén se aprobaron as dúas mocións presentadas pola Marea Atlántica, co apoio de todos os grupos políticos agás o Partido Popular. A primeira delas solicitaba un Pacto de Estado para garantir a atención á dependencia e a derrogación do copago que esixe a Xunta e o Goberno do Estado en servizos sociais como a axuda a domicilio. A segunda reclamaba o peche deses cárceres invisibles que son os Centros de Internamento de Persoas Estranxeiras e o esclarecemento dos feitos ocorridos no CIE de Aluche.

Un paso adiante na Área Metropolitana, logo de 30 anos de parálise