Saltar ao contido

Os comentarios están pechados.

A Marea Atlántica mantivo en todo momento a súa proposta para a organización do goberno, moito máis barata que a do equipo anterior. Custará 320.000 euros, fronte aos 341.000 que recibe a oposición

Unha vez acadado un acordo nos salarios, o resto dos asuntos da organización atoparon pouca resistencia nas negociacións. Todos os grupos terán presenza nas comisións e órganos municipais colexiados e os plenos pasarán a celebrarse os luns ás 17.00 horas

No pleno de hoxe pechouse un acordo histórico no pazo de María Pita. Por primeira vez, todos os grupos con representación municipal apoiaron de xeito unánime o deseño da organización do concello, un feito que “vén de confirmar o tempo novo que se abriu nesta cidade”, en palabras do alcalde, Xulio Ferreiro.

O pacto permite que a oposición conten con medios suficientes para desenvolver o seu labor. Faise un reparto proporcional dos recursos económicos, o que se traduce nun aumento no número de concelleiros e concelleiras que cobran un salario, e na contía dos mesmos.

Isto foi posible, en boa medida, grazas a que durante a negociación, os representantes da Marea Atlántica mantiveron sempre a súa proposta económica para o goberno municipal. O alcalde percibirá un salario de 40.000 euros brutos anuais, mentres que oito concelleiros e concelleiras recibirán 35.000. O décimo edil, Daniel Díaz Grandío, cobrará o seu salario da Deputación, co que non gravará as arcas do Concello. En total, o custo será de 320.000 euros, menos da metade do que percibía o equipo de Carlos Negreira.

Doutra banda, os grupos da oposición disporán de 341.000 euros para as súas retribucións. As tres portavocías (PP, PSOE e BNG) cobrarán 27.000 euros brutos anuais cada unha, mentres que trece edís (oito do PP e cinco do PSOE) terán un soldo de 20.000 euros. Trátase de dedicacións parciais, que permitirán compatibilizar o traballo en María Pita coa actividade profesional de cadaquén.

A asistencia aos plenos e ás comisións gratificarase con 180 e 90 euros, respectivamente, pero so terán dereito a cobrar estas cantidades concelleiros e concelleiras sen ningún tipo de dedicación municipal. Só dúas persoas estarán nesa situación, unha aínda a designar polo PP e Daniel Díaz Grandío, que xa anunciou que renunciará a cobrar ditas bonificacións, en cumprimento co código ético da Marea.

Unha vez acordada a contía dos salarios, o resto dos asuntos do acordo atoparon pouca resistencia na negociación. Pactouse que a oposición estará representada nas comisións municipais, na Xunta de Goberno, na Mesa de Contratación e nos órganos colexiados dependentes do Concello, como o IMCE, Emalcsa, Emvsa ou o Consorcio de Turismo. A súa presenza será proporcional ao reparto de asentos no consistorio.

Ademais, os plenos pasarán a celebrarse o primeiro luns de cada mes, ás 17.00 horas, e estarán abertos á cidadanía. Tamén se acordou a posibilidade de que, cando o tema a tratar sexa relevante, as sesións plenarias se trasladen a un lugar con maior aforo que o Pazo de María Pita, para garantir que ninguén quede sen sitio.

Os avances en transparencia, democracia e racionalidade na organización xa non teñen volta atrás. Como di Xulio Ferreiro “En sucesivos mandatos, a acción municipal non poderá entenderse doutro xeito”.

Para acadar este alto grao de consenso, foi determinante a xenerosidade do goberno, que fixo do entendemento o seu obxectivo principal. Resultaba fundamental pechar canto antes os trámites da organización para que os concelleiros e concelleiras do goberno e da oposición poidan poñerse a traballar canto antes nas prioridades da veciñanza. A unanimidade conseguida é un bo punto de partida.

Un acordo histórico, democrático e xeneroso