Solicitamos que as actuacións inclúan os barrios máis poboados, como a Agra do Orzán, e non se limiten ao centro da cidade e ás zonas de paseo
Pediremos tamén respostas orais sobre o impacto económico da pandemia e sobre o traballo realizado polos Servizos Sociais nas últimas semanas
O grupo municipal da Marea Atlántica preguntaralle ao goberno de Inés Rey sobre a adaptación das rúas da Coruña á desescalada do confinamento, sobre o impacto económico da pandemia do COVID-19 na nosa cidade, e sobre a protección social das persoas máis vulnerables. Será no vindeiro Pleno, previsto para o día 14 de maio.
A Marea Atlántica presentará unha pregunta de resposta oral para coñecer que medidas concretas tomará o Concello para garantir a mobilidade sostible e o uso do transporte e o espazo públicos, de maneira segura, durante o proceso de desescalada do confinamento. Os plans anunciados polo de agora son pouco concretos e limítanse ao centro da cidade e ás zonas de paseo e ocio, pero non teñen en conta os barrios máis poboados e con menos zonas abertas, como a Agra do Orzán, nin os desprazamentos diarios por motivos de traballo ou compras básicas.
De novo, solicitámoslle ao executivo municipal un proxecto serio e ambicioso, e consideramos que as medidas que apliquen para peonalizar rúas e restarlle espazo aos coches deberían aplicarse de xeito permanente, non só mentres se aplique o confinamento.
Impacto no emprego e nos fogares vulnerables
Na sesión Plenaria, tamén pediremos información sobre os datos que manexa o goberno local para medir o impacto da pandemia e o confinamento na economía e o emprego na Coruña, e sobre as medidas que prepara para afrontalo. Os datos do paro son preocupantes, e amosan que todos os recursos van ser necesarios para conter a crise, tamén os municipais.
Finalmente, preguntaremos polos resultados das novas medidas de protección social postas en marcha, á hora de paliar as peores consecuencias desta crise sanitaria, social e económica para as persoas con menos recursos. Desde os primeiros días estamos a solicitar un reforzo nos Servizos Sociais e as políticas de protección para quen máis o precisa, garantindo os medios básicos para a vida.