Saltar ao contido

María García: “Feijóo xoga a ser promotor e invade as competencias do Concello mentres disimula sobre os peiraos de San Diego, onde cociña un ladrillazo a porta pechada”

Reclamamos que o goberno local entregue a todos os grupos a proposta da Xunta para urbanizar Batería e Calvo Sotelo, e que consensúe as bases do futuro convenio

A voceira municipal da Marea Atlántica e presidenta da Comisión Especial do Bordo Litoral no Concello da Coruña, María García, convocará este organismo nos vindeiros días para que o goberno local dea conta das súas negociacións coa Xunta e o Estado, entregue aos grupos toda a documentación presentada polo executivo autonómico e consensúe as bases do novo convenio que decidirá o futuro dos peiraos coruñeses.

O presidente da Xunta asegurou na súa comparecencia do venres a carón do ministro de Transportes que lle entregara á alcaldesa, ausente da rolda de prensa, unha proposta para urbanizar os peiraos de Calvo Sotelo e Batería. Hoxe coñecemos parte desa proposta polos medios de comunicación antes de que Inés Rey llela trasladase aos grupos políticos do Concello, noutra mostra da súa opacidade habitual.

Tal e como denuncia María García, “estamos a ver a un Feijóo que xoga a ser promotor e invade as competencias urbanísticas do Concello para reordenar a súa fachada marítima. E faino mentres cala todos os seus plans sobre os peiraos de San Diego, a zona sobre a que el, Ábalos e Inés Rey disimulan en público mentres cociñan un ladrillazo a porta pechada”.

Por iso, tal e como anunciamos o venres, pedirémoslle ao goberno municipal que dea a cara na Comisión do Bordo Litoral e que consensúe o convenio que substituirá os nefastos acordos de 2004 á hora de deseñar os usos dos peiraos interiores da Coruña. Ante todo, debe respectarse o sentido común dos consensos e a vontade cidadá dos últimos anos: condonación da débeda, como en Valencia, xestión e titularidade pública do solo, conexión ferroviaria a Punta Langosteira, protección da pesca e as economías do mar, e participación cidadá.

Que negociaron Feijóo, Ábalos e Inés Rey sobre o futuro dos peiraos? Pedimos contas na Comisión do Bordo Litoral