Saltar ao contido

Xulio Ferreiro: “Negreira adxudica a dedo o 40% dos contratos do Concello; a Marea apostará polos concursos e fará públicos todos os contratos”

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña aposta “pola transparencia total” e critica “a política black do goberno municipal do PP, que nega información á cidadanía e non permite a súa participación”

 

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, criticou a “política black do señor Negreira” e defendeu “a aposta da Marea pola transparencia total” na comunicación entre o goberno local e a cidadanía, “agora negada”. “Vimos de coñecer que o 39,5% dos contratos que adxudicou o Concello en 2013 e 2014 foron polo procedemento negociado sen publicidade, a dedo, o que evidencia o escurantismo que aplica o señor Negreira sobre a xestión municipal”, apunta Ferreiro, que contrapón estes “métodos opacos e propios doutras épocas” coa proposta da Marea Atlántica de “preferencia polos concursos públicos, publicando a información de todos os contratos do Concello, así como facilitando a presenza de todos os grupos políticos municipais nas mesas de contratación”.

“Queremos unha lupa sobre o Concello, sobre nós mesmos se gobernamos. María Pita ten que ser transparente, de cristal, hai que abrir as ventás e que corra o aire, que a xente dispoña de toda a información posible, porque ese é o único xeito de garantir unha democracia real”, indica o candidato da Marea. “Informaremos á cidadanía por responsabilidade e decencia, pero tamén para axudar á súa participación. Por iso abriremos quendas de rogos e preguntas da cidadanía nos Plenos ou crearemos órganos efectivos de participación veciñal, como as Xuntas de Barrio. Así mesmo, pensamos que a información pública resulta imprescindible para evitar casos de corrupción como os que estamos a sufrir e a presenciar constantemente, por exemplo no caso da Coruña a mancha da Pokémon, pola que está investigada ou imputada máis da metade da Xunta de Goberno Local”, conclúe Xulio Ferreiro.

 

Transparencia fronte aos contratos "a dedo"