A veciñanza afectada, o conxunto da cidadanía e a maioría da Corporación teñen dereito a saber cales son os plans para mellorar ás instalacións do CHUAC e as xuntanzas a porta pechada incumpren as promesas de Feijóo e Inés Rey
Rexistramos unha solicitude para coñecer o borrador do convenio entre a Xunta e o Concello para a reforma do centro hospitalario e a súa contorna
O grupo municipal da Marea Atlántica reclámalle á Xunta de Galicia e ao goberno municipal da Coruña a máxima transparencia nos seus plans para a ampliación do CHUAC, coa veciñanza afectada, coa cidadanía en xeral e coa oposición. Ante as informacións publicadas na prensa, descubrimos que existiron conversas entre ambas institucións que non se fixeron públicas e mesmo un borrador de convenio que non se deu a coñecer.
O ano pasado, tras os anuncios electoralistas de Feijóo e Inés Rey e as protestas veciñais, os gobernos local e autonómico comprometéronse a manter un diálogo fluído coas persoas afectadas polas obras e a procurar o máximo consenso na actuación. Ademais, en febreiro, o Pleno do Concello da Coruña aprobou unha moción da Marea Atlántica no mesmo sentido. Pero estas promesas están a incumprirse.
Desde a Marea Atlántica, facendo uso das facultades da oposición que o goberno local bombardea sistematicamente, rexistramos hoxe unha solicitude para acceder ao borrador de convenio entre a Xunta e o Concello, información que faremos pública cando dispoñamos dela. A xente da Coruña ten dereito a coñecer os plans para a necesaria ampliación do CHUAC. E non pode volver enterarse pola prensa.
Porén, son necesarios feitos antes que propaganda. É necesario que a Xunta de Galicia reserve unha partida orzamentaria para estas obras. E resulta máis necesario aínda que remate do Plan Director que a Xunta presentou en 2001, aínda gobernando Fraga, e que ten un 45% aínda sen completar. De feito, as súas últimas fases transfórmanse, por arte de propaganda, nas primeiras do novo plan de ampliación.