Silvia Cameán: “Estamos a falar de persoas que prestan un servizo de coidados fundamental para a vida de moitas familias, temos que protexelas para que sigan coidando”
As 300 empregadas do SAF na Coruña visitan ata cinco domicilios diarios, sempre en contacto con persoas maiores e dependentes, consideradas de risco
O grupo municipal da Marea Atlántica rexistrou unha moción cara ao Pleno do 4 de febreiro, na que se reclama que as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar teñan prioridade na vacinación contra a COVID19. Como sinala a concelleira Silvia Cameán, “estamos a falar de persoas que prestan un servizo de coidados fundamental para a vida de moitas familias e que, por iso mesmo, visitan varios de fogares cada día: temos protexelas para que sigan coidando”. Lugares como Cádiz, Granada, Cuenca, Aragón e Navarra xa deron este paso.
As 300 empregadas do SAF na Coruña acuden ata a cinco domicilios diarios, sempre con persoas maiores ou dependentes. No seu traballo é imposible manter as distancias, e adoitan ter que bañar, vestir, ou darlles de comer ás usuarias, dificultando o uso de medidas de protección. Para estas tarefas, as traballadoras contan unha única máscara cirúrxica por domicilio e día. Nalgúns casos, como xa denunciou o sector ante a Valedora do Pobo, as empresas obrigan a asinar que se recibe o material de prevención sen indicar nin o tipo nin o número de unidades, como un xeito de cubrirse as costas.
“É moi grave que isto aconteza cando o labor das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar durante esta pandemia está sendo imprescindible”, lembra o texto da moción. Coas limitacións de movilidade e grupos burbulla, moitas veces as traballadoras do SAF son o único apoio co que conta unha persoa dependente. Por iso, queremos instar á Xunta de Galicia a “incluír ás traballadoras do servizo a domicilio de xeito prioritario no plan de vacinación da Sars-COV2” e realizar como mínimo unha PCR mensual ás traballadoras.
No texto, tamén instamos ao goberno municipal a abrir unha campaña de sensibización entre as usuarias e traballadoras do SAF sobre a necesidade de aplicar medidas de prevención nos domicilios.
Melloras laborais moi necesarias
Alén das urxencias da pandemia, pedímoslle á Xunta que protexa o emprego destinado aos coidados. É un sector moi feminizado e que leva décadas instalado na precariedade, infravalorado e con baixos salarios: “É un reflexo do escaso valor social que se lles outorga aos coidados, pese a seren fundamentais para soster a vida”, argumenta Silvia Caméan
O goberno galego ten que mellorar as condicións dos contratos do SAF. Debe incrementar o prezo do servizo, hoxe nos 9,70€/hora, e que este incremento reverta en melloras para as familias e as condicións laborais das traballadoras. Debe, igualmente, evitar a disparidade de prezos e a externalización do servizo con ofertas que supoñen baixas temerarias.
Do mesmo xeito, desde o Concello da Coruña é necesario fiscalizar ás empresas que prestan o servizo, para garantir que se cumpren as condicións laborais, e a introducir en futuros concursos cláusulas sociais que premien a creación de emprego de calidade.
Finalmente, propoñemos dotar ao persoal de Axuda a Domicilio de tarxetas da ORA para facilitar o seu traballo en fogares situados en zonas con problemas de aparcamento.