Saltar ao contido

Os resultados do 26 de xuño deixan claro que só unha marea unida, plural e liderada pola cidadanía, construída de abaixo a arriba e radicalmente democrática pode constituírse como alternativa ao Partido Popular

En Marea necesita reforzarse e abrir o seu espazo, para recuperar os apoios perdidos e sumar a todas as persoas, as entidades e as organizacións críticas cos sete anos de desgoberno de Núñez Feijóo

 

Tempo de reflexionar sobre os resultados do 26X. Ante todo, a Marea Atlántica agradece o traballo realizado por moita xente no noso país para acadar uns resultados que, a pesares do relativo retroceso, consolidan o proceso de cambio e garanten a presenza de cinco representantes galegas electas no Congreso e unha no Senado.

No conxunto do Estado, a remontada en votos e representación do Partido Popular a prol da continuidade das políticas austericidas só pode obedecer a circunstancias conxunturais. Estamos ante un escenario estatal e europeo complexo e incerto, ante o que só cabe contrapoñer honestidade, transparencia, ilusión e propostas claras, sólidas e realistas.

Nas eleccións xerais do 26 de xuño, os resultados das forzas do cambio no Estado, en xeral, e da candidatura de En Marea en particular, non foron os agardados. Foron moitos, e moi valiosos, os máis de 340.000 apoios recibidos no noso país. Todos e cada un deles merecen agradecemento. Pero, lamentablemente, non se acadou o obxectivo de superar os apoios obtidos no 20 de decembro e continuar avanzando na recuperación das institucións para a xente do común. Perdéronse votos en todas as provincias e todas as cidades galegas, incluídas aquelas, como A Coruña, Ferrol ou Santiago de Compostela, nas que existen gobernos de cambio.

Agora é tempo de tomar nota e reflexionar sobre estes resultados, coa vista posta na vindeira cita deste longo ciclo electoral que estamos a vivir: as autonómicas. Os votos dunhas xerais non se poden traducir directamente a un proceso electoral galego, pero son un toque de atención da cidadanía que debe terse en conta. Para ser a ferramenta que precisamos para construír unha alternativa clara ás políticas antisociais do Partido Popular, En Marea necesita reforzarse e abrir o seu espazo, para recuperar os apoios perdidos e sumar a todas as persoas, as entidades e as organizacións críticas cos sete anos de desgoberno de Núñez Feijóo.

Seguimos a estar ante unha oportunidade histórica. O PP recuperou parte dos seus apoios, pero está lonxe de ser a forza que era en 2011. O feito de ter mellorado con respecto a decembro non debería ocultar que os resultados do Partido Popular foron dos peores que obtivo nunca no noso país, e volveu quedar por debaixo dos 700.000 votos, que antes do 20-D foran o seu chan electoral. É un resultado pobre, lonxe da maioría absoluta, e que deixa claro que é posible recuperar a Xunta para a cidadanía e sacar a Galicia do estancamento. De frear décadas de deteriorar sanidade pública, afogar a educación, vender os recursos naturais a empresas afíns, recortar os dereitos da cidadanía e sementar desigualdade e pobreza.

Unha marea unida, plural e liderada pola cidadanía, unha confluencia construída desde abaixo a arriba e radicalmente democrática pode constituírse como alternativa ao PP. Será necesario multiplicar os esforzos para sumar a todas as forzas do cambio: cidadáns, partidos, movementos e colectivos afíns. Para iso, debe aproveitarse o traballo desenvolvido nos últimos meses polas Mareas en Común, un proceso no que centos de persoas e ducias de organizacións construíron un espazo aberto, participativo e participado, que pode servir para recuperar a ilusión e mobilizar ás persoas que este 26-X decidiron non renovar o apoio que lle deran en decembro a En Marea. Un espazo no que xa hai consenso arredor das primarias a celebrar, do modelo de organización necesario, do regulamento que debe articular a participación e do código ético ao que deben someterse os seus responsables.

Neste camiño, os procesos de confluencia que se deron en moitas ciudades e vilas ao longo do noso país poden servir de exemplo do que a unidade popular pode conseguir. Na Coruña, a Marea Atlántica, seguirá apostando pola confluencia de forzas en pé de igualdade e polas propostas políticas radicalmente democráticas a prol dun cambio real, con resultados xa demostrados coma a Renda Social Municipal, o inicio da remunicipalización das bibliotecas do Concello, a apertura da institución á participación cidadá, o investimento histórico na melloras dos colexios públicos, o aumento dun 20% nos fondos de servizos sociais, e moitas outras medidas que se desenvolverán neste mandato. Agora nin un paso atrás.

Tempo de reflexionar e corrixir o rumbo cara as eleccións autonómicas