Saltar ao contido

Como vimos facendo nos últimos meses, insistimos na necesidade de consolidar o teletraballo e a modernización da Administración, para garantir a conciliación e a correcta prestación dos servizos públicos

O grupo municipal da Marea Atlántica insta, unha vez máis, ao goberno municipal a regular o teletraballo no Concello, facéndoo compatible coa xornada presencial e a calidade da atención á veciñanza. Como viñemos sinalando desde hai meses, o traballo a distancia é o mellor xeito de non desatender os servizos municipais, facilitar a conciliación do persoal e evitar riscos sanitarios. 

Neste sentido, volvemos insistir na necesidade de emitir unha instrución para regular as solicitudes de teletraballo, tomando como base o Real Decreto-lei 28/2020 sobre o traballo a distancia e a futura Lei de Teletraballo que se está a elaborar. Os meses de confinamento demostraron que é posible facelo, técnica e organizativamente. 

Esta regulación debería permitir que o traballo a distancia se compaxine co presencial, adaptado as circunstancias de conciliación ou risco sanitario de cada persoa. E evitando, en todo caso, calquera tipo de penalización para quen opte por completar a súa xornada desde a casa. 

Regular axeitadamente o teletraballo e dotar á política de persoal de flexibilidade laboral resolvería a situación de moitas familias, ante o risco de peche de aulas nos centros de ensino, a desaparición das actividades extraescolares, e a redución de servizo en moitos centros de día, pese á propaganda da Xunta. 

O goberno municipal ten fondos para modernizar a Administración, facilitando non só o teletraballo, tamén a relacióin da veciñanza cos servizos municipais. Grazas á proposta da Marea Atlántica, o plan de choque contra o COVID inclúe 840.000 euros para esta fin, e instamos ao executivo local a facer bo uso deles. 

Conciliación para toda a veciñanza

Reclamamos, de igual modo e como vimos facendo, medidas de conciliación para o conxunto da cidadanía, coma o reforzo da axuda a domicilio e o servizo de canguraxe. Son dúas actuacións introducidas pola Marea Atlántica tanto nos Orzamentos 2020 como no plan de choque contra a pandemia, pero seguen sen cumprirse. 

A Marea Atlántica reitéralle ao ao goberno municipal a necesidade de regular o teletraballo no Concello