Saltar ao contido

María García: “É incrible que as entidades sociais, veciñais e deportivas sigan na incerteza. Inés Rey só tramita rápido os asuntos cando hai unha foto con Feijóo”

Insistimos na necesidade de aumentar os convenios e as subvencións municipais para apoiar ás asociacións nun ano que vai ser moi complicado pola pandemia

A 28 de xaneiro, os convenios do Concello co tecido asociativo da Coruña seguen no limbo, por culpa da decisión de Inés Rey de non elaborar uns Orzamentos 2021, tomada de xeito unilateral, irresponsable e contra a vontade da maioría do Pleno. Desde a Marea Atlántica, denunciamos que oito días despois da xuntanza co concelleiro de Facenda, José Manuel Lage, o goberno municipal aínda non presentou a súa proposta para renovar os convenios caducados o 1 de xaneiro. Tampouco presentou un proxecto de orzamentos, tal e como lle esixe a maioría do Pleno, nin abriu as conversas para un novo Presco. 

Como ben sinala a nosa voceira, María García, “teriamos que estar xa a falar de aumentar os convenios e as subvencións das entidades sociais, deportivas e culturais nun ano moi complicado, en lugar de telas sumidas na incerteza. Toda a oposición prometeu xa o seu apoio. A lentitude neste asunto contrasta coa incrible velocidade coa que se tramitou o convenio do CHUAC. Inés Rey só ten presa cando hai foto con Feijóo”.

O tecido asociativo traballa alí onde non chegan os gobernos, e merece todo o apoio, especialmente nestes momentos de crise social, económica e sanitaria. “Merecen algo máis que silencio e abandono por parte do Concello da Coruña”, sentenza María García. 

Un parche por non ter orzamentos

É preciso aprobar un modificativo de crédido urxente para renovar os convenios, pero non deixa de ser un parche. O que a cidade realmente precisa é ter uns Orzamentos 2021 adaptados á realidade actual, en lugar de ir arranxando as costuras dunhas contas deseñadas a finais de 2019, cando a COVID nin se coñecía. É inexplicable que, a pesar de ter varios acordos plenarios que llo piden, Inés Rey siga enrocada no seu goberno de minoría absolutista. 

O apoio do Concello ao tecido asociativo segue no limbo