Procuraremos o acordo entre os grupos municipais para reprobar ao principal responsable de que o Fuenlabrada voase á Coruña con positivos por COVID, poñendo en risco a saúde pública na cidade

A Marea Atlántica rexistrou hoxe unha proposta para declarar a Javier Tebas, presidente de La Liga, persoa non grata na Coruña, por ser o responsable último de autorizar a viaxe do C.F. Fuenlabrada á cidade a pesar de coñecer desde o sábado que o equipo tivera varios positivos por COVID19. Ademais, ocultoulle está información ao Servizo Galego de Saúde ata as oito da tarde do luns. En lugar de actuar con responsabilidade e respectar os protocolos das autoridades sanitarias, cancelando a xornada, Tebas tentou ata o último momento manter o partido previsto en Riazor, arriscando a saúde pública de toda a veciñanza coruñesa cun posible brote de coronavirus.

Deste xeito, procuraremos o acordo de todos os grupos municipais para aprobar, no vindeiro Pleno do Concello da Coruña, unha Declaración Institucional que declare a Tebas persoa non grata e reprobe a súa xestión nestes caso. Por esta vía, propoñemos tamén o respaldo do conxunto da Corporación ás medidas legais que poida tomar o Concello da Coruña.  Estamos, como mínimo, ante unha cadea de neglixencias que non poden quedar impunes.

Danos á imaxe da Coruña

Alén das graves consecuencias sanitarias, a irresponsable viaxe do Fuenlabrada está a ter un impacto moi negativo na imaxe da Coruña, que se traduce xa no plano económico, empeorando as difíciles condicións actuais. Na nosa proposta, incluímos tamén un apoio unánime á hostalaría coruñesa, afectada xa por múltiples cancelacións ante o medo a un rebrote. como denunciou onte a Asociación de Hospedaxe da Coruña (Hospeco).

Finalmente, cómpre denunciar que a decisión de manter a xornada de Segunda División tivo graves consecuencias deportivas, e que empeorará aínda o prexuízo económico para a Coruña. Desde o Concello debería trasladarse o seu apoio ao deportivismo, polo moito que o club e a súa  afección representan para a cidade.