Saltar ao contido
Comisión Honras marzo 2022

Lembramos que está pendente dedicarlles unha rúa a Mariquiña Villaverde, loitadora antifranquista, e ao poeta Lois Pereiro, dúas iniciativas aprobadas no Pleno

Reclamamos que a praza de Tabacos pase a chamarse praza das Cigarreiras, na memoria das mulleres que traballaron alí e protagonizaron a primeira folga feminina do Estado 


O concelleiro Alberto Lema, representante da Marea Atlántica na Comisión de Honras do Concello da Coruña, propuxo hoxe formalmente que o Teatro Colón mude o seu nome polo de Teatro María Casares, coindicindo co centenario do nacemento da actriz. Esta iniciativa, que trasladaremos tamén á Deputación Provincial, segue a liña que xa apoiamos en novembro cando lanzou a idea o exdeputado Miguel Anxo Fernán Vello, e vai agora en sintonía co que demanda a plataforma de traballadoras e traballadores culturais Unímonos ou Afundimos. 

María Casares, actriz coruñesa de renome internacional, cumpriría 100 anos o 21 de novembro de 2022. Durante moitas décadas a censura franquista ocultou o seu nome, polo que agora sería de xustiza renderlle unha homenaxe nun dos principais equipamentos culturais da cidade. 

Lema lembrou, ademais, que está pendente outorgarlle rúas a Lois Pereiro, unha das voces poéticas de referencia na literatura galega e moi vinculado á Coruña, e a Mariquiña Villaverde, histórica loitadora antifranquista falecida en 2020. Ambas as dúas denominacións foron xa apoiadas no pleno en senllas mocións da Marea Atlántica, pero seguen sen facerse realidade. No caso de Mariquiña, ademais, está pendente o seu nomeamento como Filla Predilecta da Coruña. 

Ao fío da celebración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, recuperamos tamén a proposta de crear unha praza das Cigarreiras, en homenaxe ás traballadoras que desenvolveron o seu labor na Fábrica de Tabacos durante décadas, e que protagonizaron a primeira folga de mulleres do Estado, no ano 1857. O goberno local comprometeuse a procura unha localización próxima á antiga industria tabaqueira para darlle esta merecida homenaxe ás mulleres que Emilia Pardo Bazán inmortalizou na súa novela ‘La Tribuna’.

Melloras no rueiro de Palavea

Finalmente, Alberto Lema propuxo algunhas melloras á proposta que o goberno realizou para o rueiro de Palavea, que nos foron trasladadas pola veciñanza do barrio. O executivo acordou estudalas e incorporalas ao seu documento, que será tramitado na próxima Comisión de Honras.

En primeiro lugar, nomear a rúa paralela ao Camiño do Souto, que ten ducias de vivendas pero carece de denominación oficial. Propoñemos recuperar o nome tradicional de Camiño de Castro-Laxe. 

Debería, ademais, adaptarse a proposta de denominar como Palavea Vella a unha rúa que atravesa todo o barrio. Debería deixarse esa denominación só ata os límites reais de Palavea Vella, ou ben buscar un nome máis representativo, como rúa do Campo da Pena. En todo caso, pedimos que a proposta completa para o cambio de nomes sexa exposta no centro cívico para que a veciñanza poida coñecela e valorala. 

Propoñemos que o Teatro Colón pase a chamarse Teatro María Casares no centenario do nacemento da actriz coruñesa