Saltar ao contido
Visita turística guiada en María Pita. Foto: Sandra García Rey

A formación municipalista urxe o goberno local a aproveitar a oportunidade que supón o cambio de criterio da Xunta de Galicia con respecto a este tributo

O consistorio debe poñerse xa a traballar se quere ter a obrigada nova ordenanza ordenanza lista cando o imposto autonómico entre en vigor a comezos de 2025

Os concellos galegos poderán implantar unha taxa turística a partir do 1 de xaneiro de 2025. Así o anunciou a finais da semana pasada o presidente da Xunta de Galicia, até agora contrario a este tipo de tributos, comúns en dous de cada tres países europeos, segundo a European Tourism Association (ETOA). Este cambio de criterio por parte do Goberno galego abre unha oportunidade para que a pernoctación de visitantes e a chegada de cruceiristas en cidades como A Coruña se traduza en novos ingresos cos que financiar políticas públicas e protexer aqueles dereitos que máis acusan a presión turística, como é o da vivenda. É por iso que a Marea Atlántica insta a alcaldesa Inés Rey a aproveitar a oportunidade e sumarse aos concellos que xa están a preparar a súa implantación.

Se o presidente Alfonso Rueda cumpre a súa promesa e o imposto autonómico resulta aprobado no Parlamento de Galicia para a súa entrada en vigor co novo ano, os concellos que o queiran aplicar deberán contar coa súa propia ordenanza. Esta norma determinará, entre outras cousas e sempre dentro da marxe que permita a lei, cal será o destino da recadación e que mecanismos de participación se prevén na toma de decisións. Á vista da dobre vara de medir do equipo de Inés Rey, veloz cando se trata de entregarlle o litoral das Xubias a un fondo de investimento suízo pero con importantes contratos en precario e sen traza de licitarse dende hai varios anos, cómpre que a alcaldesa comece a facer os deberes canto antes.

A presión turística, a través da política de barra libre do PSOE coruñés cos pisos turísticos, é un dos factores que explica o desorbitado crecemento do prezo dos alugueiros na cidade. De cada catro inmobles que se ofrecen actualmente no mercado de arrendamento, tres son xa Vivendas de Uso Turístico (VUT). Mentres estas se duplican en apenas dous anos, a oferta para alugueiro convencional está en mínimos históricos, con condicións cada vez máis esixentes e o prezo medio por enriba dos 660 euros ao mes. A Coruña é, de feito, o municipio galego máis caro para vivir.

A Marea Atlántica insta a Inés Rey a sumarse á implantación da taxa turística para financiar políticas de acceso á vivenda