O custo de ampliar xornada ata as oito horas aumenta case un 40% para as familias, mentres que o almorzo e a merenda soben máis dun 7%
Silvia Cameán: “Non só non se fixeron os deberes para ofrecer o mesmo tempo ensino de balde que na rede da Xunta, senón que agora se cobra máis cara a ampliación de xornada”
O grupo municipal da Marea Atlántica quere amosar a súa sorpresa e denuncia pola suba de prezo de varios dos servizos das Escolas Infantís Municipais, que o goberno local acaba de anunciar hoxe, ao día seguinte do comezo do curso, e que levará mañá a Xunta de Goberno Local. Deste xeito, a ampliación de xornada ata as oito horas aumenta o seu prezo nun 37,4%, ata situarse nos 21,16 euros ao mes. Tamén sube o custo do servizo de almorzo nun 7,6% (queda nos 15,39 euros ao mes) e o da merenda, nun 7,2% (ata os 25,39 euros / mes). Só o comedor reduce tarifas, nun 9,8%.
A concelleira Silvia Cameán denuncia “a completa improvisación que amosa este anuncio, que xoga coas previsións das familias. Un día despois de comezar o curso, levan a sorpresa de que lles sairán máis caros servizos da escola, algo que afectará especialmente aos fogares con menos recursos. Nun contexto de suba da inflación e aumento do custo da vida, unha administración pública debería ter outra sensibilidade”.
Menos horas e máis caro ampliar xornada
Especialmente grave é o incremento de prezo na ampliación de xornada, non só por ser o máis elevado, senón porque incrementa o agravio comparativo coas escolas infantís da rede autonómica. “A pesar das múltiples advertencias, o goberno local non fixo os deberes para ampliar de seis a oito horas a atención gratuíta nos centros de ensino municipais, e agora aínda por riba aumenta case un 40% o custo de solicitar ese servizo que facilita a conciliación das familias. A Coruña foi pioneira en ofrecer ensino infantil de balde, pero con este goberno estanse a dar demasiados pasos atrás”, resume Cameán.
Así, só uns días despois de que a Rede de Escolas Infantís Municipais perde un centro e o 11,5% das súas prazas pola privatización da Carmen Cervigón, o goberno local trasládalle outra mala nova ás familias da Coruña.