María García: “Nos dous últimos anos de mandato da Marea Atlántica plantáronse 1.600 árbores, aumentando un 10% as que había na Coruña. O PSOE freou esta liña de traballo, esencial na loita contra a emerxencia climática ”
Iniciativas coma os Bosques da Coruña e o Plan de Infraestrutura Verde están desaparecidas, son dos moitos acordos incumpridos do goberno local coa Marea Atlántica
A voceira da Marea Atlántica, María García, amosou a súa preocupación pola excesiva tala de árbores na Coruña desde que goberna Inés Rey, 400 desde o inicio deste mandato municipal.
Así o recoñeceu a Concellería de Medio Ambiente en resposta a unha pregunta escrita da Marea Atlántica. “As talas deben empregarse como último recurso cando non hai outro remedio, porque aínda que se replante, o tempo que tardan en madurar as novas árbores suma décadas. Os beneficios do arborado non se derivan tanto do número de exemplares, que é importante, senón da súa madurez e amplitude das copas”, explica García.
O arborado urbano mellora a saúde das cidades e dos seus habitantes, absorbe CO2, mitiga o ruído, aumenta a biodiversidade e modera as temperaturas nas rúas. Constitúen a principal estratexia de adaptación á emerxencia climática. A OMS recomenda unha media dunha árbore por cada tres habitantes, pero na Coruña temos so unha para cada 15 persoas. Por iso o goberno de Xulio Ferreiro puxo en marcha un plan de expansión de arborado e plantou 1.600 novas árbores en dous anos, aumentando un 10% as que xa existían na cidade.
En comparación, nos últimos 23 meses, Inés Rey talou 400 árbores e plantou só 800, a meirande parte con proxectos herdados da Marea Atlántica no Plan de Expansión do Arborado. “O saldo positivo non compensa os 20-30 anos que as árbores tardarán en madurar. O factor tempo é moi importante”.
Total retroceso en políticas ambientais
Lamentablemente, como sinala María García, “a gran maioría das actuacións dese plan están enterradas nun caixón: non sabemos nada nin dos Bosques da Coruña, cando xa deberían estar comezando os traballos para crear os Bosques dos Rosales ou o de Breogán en Feáns, nin do Plan de Infraestrutura Verde, xa iniciado e que desapareceu por completo, nin da mellora e ampliación das hortas urbanas ou da retirada de especies invasoras”.
Todos estes asuntos formaban parte dos acordos entre a Marea Atlántica e o PSOE para o inicio do mandato e a aprobación dos Orzamentos 2020 e todos están incumpridos. No plano ambiental, non se respectou nin un só punto do pacto: non hai avances na creación do operador enerxético municipal, nin o Mapa das Enerxías Renovables, nin a mellora do saneamento na depuradora de Bens… Cero acordos cumpridos, nunha falta de compromiso preocupante, tanto coas políticas medioambientais, como cos acordos coa Marea Atlántica.
En canto ás zonas verdes, o desinterese faise evidente cando non se chegaron a aproveitar os 6,6 millóns de euros para mellora de parques e xardíns incluídos no contrato do servizo. A pesar de que o preguntamos en reiteradas ocasións, o goberno municipal non acerta a explicar en que investiu estes fondos e está a dificultar o acceso á información.
No último Pleno, a Corporación aprobou unha moción da Marea Atlántica, co apoio de todos os grupos e a abstención do PSOE, que pedia a publicación do borrador dos pregos do contrato para o mantemento de zonas verdes antes de iniciar a licitación, para poder recabar achegas nun servizo tan importante. Pero parece que o goberno local prefire seguir coa súa política de feitos consumados.