En vésperas do Día Mundial do Medio Ambiente, o executivo local tenta disimular a súa falta de compromiso ambiental cun Acordo para unha Cidade Verde baleiro de contido: “Ofrecer propaganda ante a crise climática é peor que non facer nada. É como simular que apagas un lume mentres deixas que arda”
Ao contrario do que postula o Acordo, en dous anos a Concellería de Medio Ambiente non puxo en marcha unha soa política de xestión de residuos, de mellora da calidade do aire, de coidado das masas de auga ou de protección da biodiversidade. Marea Atlántica pide unha reflexión.
A voceira da Marea Atlántica, María García, ofreceu hoxe unha rolda de prensa para valorar as políticas ambientais do executivo de Inés Rey no ecuador do mandato, ou máis ben, a súa ausencia: “En compromiso medioambiental, por desgraza, temos que poñerlle a este goberno un suspenso. A súa resposta fronte á emerxencia climática é a propaganda, simular que actúan algo, e iso é peor que non facer nada. É como simular que apagas un lume mentres deixas que arda”, asegurou a concelleira.
García sinalou que “A día de hoxe, tras dous anos de goberno, non podemos identificar unha soa política ambiental propia do PSOE da Coruña. Nin aproveitaron o legado que lles deixamos desde a Marea Atlántica, nin emprenderon un novo camiño. Os resultados son un suspenso en xestión de residuos, suspenso en melloras da calidade do aire, no coidado das masas de auga, suspenso en infraestrutura verde e en protección da biodiversidade. Quédanlles dous anos para recuperar”.
Paripé verde no vindeiro Pleno
En vésperas do Día Mundial do Medio Ambiente, que se celebra o 5 de xuño, o goberno local tenta tapar a súa inacción levando a Pleno de maña xoves un “paripé verde”, en forma de Acordo para unha Cidade Verde. Trátase dun documento promovido pola Unión Europea, pero sen concretar para a realidade da Coruña. O goberno local baixouno da web e lévao a pleno tal cal, sen medidas concretas, sen proxectos, recursos ou prazos e sen ter engadido unha soa liña de como se vai materializar esa proposta na nosa cidade. Disimula en lugar de actuar, e non contará co noso apoio.
García lembrou que as cidades concentran o 70% da poboación mundial, polo que son fundamentais na loita contra a contaminación e na redución da pegada de carbono. “Ademais, as políticas verdes melloran a calidade de vida nos barrios, a saúde e o espazo público, pero na Coruña, o goberno municipal non está a tomar en serio esas necesidades. Só se lembran do Medio Ambiente nas efemérides, para sacar unha foto sen nada detrás”.
O Acordo para unha Cidade Verde establece obxectivos para mellorar a calidade do aire e das masas de auga, incrementar a biodiversidade, impulsar a xestión de residuos coa economía circular e reducir a contaminación acústica. En dous anos, a Concellería de Medio Ambiente de Inés Rey non puxo en marcha unha soa política en ningunha destas áreas.
Acordos incumpridos
María García lembrou, tamén que a práctica totalidade dos acordos coa Marea Atlántica no eido ambiental están incumpridos. En política de residuos, mantense paralizada a renovación do contrato de Nostián mentres a planta se deteriora e o cadro de persoal perde dereitos laborais, ao tempo que empeoran todos os indicadores de reciclaxe.
En canto a aforro enerxético, non se creou o operador eléctrico municipal, que tería fomentado as enerxías renovables e ofrecido axuda ás persoas vulnerables que non poidan pagar a factura da luz.
No fomento do transporte público seguen pendentes as novas bonificacións no billete para maiores de 65 e menores de 25 anos. Xa non hai escusa desde que unha sentenza xudicial avala a baixada de prezo aplicada no mandato de Xulio Ferreiro, a primeira en décadas.
En canto ao coidado das masas de auga, seguen sen licitar as restauracións dos ríos Quintas e Mesoiro, que quedaron preparadas e con todos os permisos.
En zonas verdes, seguen sen crearse os Bosques da Coruña en Feáns e nos Rosais, sen ampliarse as Ecohortas e non hai noticias de en que se gastaron máis de seis millóns de euros dispoñibles para melloras en zonas verdes nos últimos dous anos, para ledicia da empresa concesionaria e desgraza dos nosos parques.
“No goberno da Marea Atlántica fixemos una aposta forte polas políticas ambientais, eliminando en 6 meses o 80% das verteduras contaminantes ao mar, plantando máis de 1.500 árbores, incrementando a reciclaxe un 30%, creando o Mapa da Biodiversidade que identificou máis de 3.500 especies, impulsando as zona ENIL da Torre e as Illas de San Pedro, entre outras moitas cousas. É unha mágoa que ese traballo se perda, polo que convidamos a Inés Rey a recapacitar e redobrar do seu compromiso ambiental. Para políticas serias pode contar con nós, para paripés non”, concluíu María García.