Tras un ano sen avances, pedímoslle ao concelleiro de Urbanismo que nos traslade canto antes a súa proposta para mudar o PXOM nesta área do litoral para poder debatela
A Marea Atlántica lamenta que remate o prazo improrrogable de suspensión de licenzas do ámbito da Ría do Burgo, este 17 de decembro, sen que o goberno local chegase a tramitar os cambios do PXOM necesarios para protexer o litoral da ría e reducir o esaxerado desenvolvemento urbanístico fixado en 2013. Nesta situación, urximos ao executivo a presentar canto antes a súa proposta, para que poida ser debatida co noso grupo antes do inicio do trámite ambiental e do seu traslado ao Pleno da Corporación para aprobación inicial.
Esgotado xa o prazo máximo dun ano, xa non é posible prorrogar a suspensión de licenzas ao non terse iniciado aínda o cambio urbanístico, polo que a única opción é acelerar o procedemento e iniciar a tramitación ambiental canto antes. Se a proposta do goberno local cumpre co obxectivo de protexer o bordo litoral, tal e como se anunciou en novembro de 2020, abrirase unha oportunidade para o acordo coa Marea Atlántica.
Convidamos, igualmente, ao executivo local a estudar mecanismos de protección similares en Labañou, O Portiño e a fronteira entre A Coruña e Culleredo, outras zonas de costa onde os desenvolvementos urbanísticos previstos son esaxeradamente densos. Xa sinalamos no seu día, nunha emenda que foi inadmitida, que os mesmos argumentos que serven para o ámbito da Ría do Burgo poden aplicarse nestes espazos.
Nunha cidade con 20.000 vivendas baleiras, déficit de zonas verdes e espazos abertos, e polígonos como Someso ou Xuxán nas que aínda hai espazo para novas edificacións, non ten sentido converter o bordo litoral nun trofeo para a hidra inmobiliaria.