A proposta do goberno municipal de parar a construción entre Oza e A Pasaxe é positiva, pero insuficiente: presentaremos unha emenda que terá que debaterse e votarse no Pleno
Iago Martínez: “O que se aplica nas Xubias pode aplicarse en Labañou. Parar o pelotazo en Percebeiras é cuestión de vontade política”
María García convocará a Comisión Especial do Bordo Litoral este mes para coñecer os avances realizados pola Universidade da Coruña no marco do seu convenio co Concello
A Marea Atlántica presentará unha emenda ao proxecto do goberno municipal para suspender as licenzas de construción entre Oza e a Pasaxe, para completalo e ampliar a protección do bordo litoral a Percebeiras, O Portiño e os polígonos que se sitúan no límite co municipio de Culleredo. A proposta do executivo local, que se debateu esta mañá na Comisión de Urbanismo, é positiva pero insuficiente. Como sinalou Iago Martínez, vicevoceiro da Marea Atlántica e novo representante neste órgano, “pon en evidencia a dobre vara de medir de Inés Rey: mentres cunha man impulsa unha operación especulativa en Labañou, coa outra di estar comprometida coa protección das Xubias”.
“O que se aplica nas Xubias pode aplicarse en Labañou. Parar o pelotazo en Percebeiras é cuestión de vontade política”, sinala Martínez. O certo é que non existe impedimento, nin urbanístico nin xurídico, para estender a Percebeiras e O Portiño a suspensión de licenzas durante un ano, mentres se modifica o PXOM vixente para protexelas. É o coherente, e por iso a Marea Atlántica rexistrará nas próximas horas unha emenda que deberá ser debatida e votada no Pleno do vindeiro xoves.
Todo o bordo litoral debe protexerse
O concelleiro sinala que “non ten sentido dividir o bordo litoral en parcelas ao gusto dos intereses especulativos. Iso foi o que se fixo nos nefastos convenios para vender o porto en 2004, un erro que non debe repetirse”. Tal e como sinalan as principais conclusións do foro Tecendo Litoral, celebrado no pasado mandato, a protección do bordo litoral da Coruña, a súa salvagarda ambiental e a súa integración na cidade deben abordarse de xeito integral.
As construcións previstas agora en Percebeiras e dentro de pouco no Portiño ameazan a supervivencia ambiental do bordo litoral, froito dunhas expectativas de crecemento obsoletas e incompatibles co “novo modelo territorial” que di defender este goberno local.
Van contra a Estratexia de adaptación ao cambio climático da costa española, as Directrices de Ordenación do Territorio (DOT) de Galicia, o Plan de Ordenación do Litoral (POL), a Estratexia de Infraestrutura Verde da Coruña, o EIDUS da Unión Europea ou a Nova Axenda Urbana das Nacións Unidas. Van contra o sentido común.
Cómpre lembrar, ademais, que o aproveitamento tipo da área de planeamento das Percebeiras é o dobre que o da Ría do Burgo, e o total do aproveitamento de Percebeiras é 2/3 do total dos polígonos nos que pretende suspender licenzas o goberno municipal.
Alegacións ao pelotazo en Percebeiras
Esta proposta da Marea Atlántica súmase ás alegacións presentadas contra o pelotazo en Percebeiras, tanto ás da Asociación Veciñal de Labañou, que asinamos xunto a outras 45 entidades, como as que rexistrou o noso grupo municipal. Ambas as dúas sinalan que, nunha cidade con 20.000 vivendas baleiras e unha crecente burbulla do alugueiro, a construción dunha ducia de torres de vivendas, con ata 13 pisos de altura, é unha moi mala idea.
Como coinciden en sinalar ambos documentos de alegacións, A Coruña non precisa ladrillazos que resuciten o peor do vazquismo, senón rehabilitar o parque residencial e poñelo a disposición da veciñanza, ademais de dotarse de máis espazo público, zonas verdes e intervencións que protexan a natureza.
Por iso, reclamamos que o proxecto da promotora pase por un trámite ambiental completo en lugar de recibir un visto bo exprés. Trátase dunha zona en primeira liña de costa, que conecta dous Espazos Naturais de Interese Local, as Illas de San Pedro e a contorna da Torre de Hércules —ambos declarados ENIL por iniciativa da Marea Atlántica—, onde non se pode edificar sen control.
María García convocará a Comisión do Bordo Litoral

Doutra banda, María García, presidenta da Comisión Especial do Bordo Litoral, convocará proximamente este organismo para debater e analizar o avanzado no marco do convenio entre o Concello e a Universidade da Coruña sobre a reordenación do bordo litoral. O asunto foi levado hoxe á Comisión de Urbanismo pero, a petición da Marea Atlántica e o BNG, trasladarase ao órgano máis axeitado para tratalo. A proposta non tivo oposición por parte do edil de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada.
Con todo o respecto para a UDC e as persoas responsables de elaborar o estudo, cremos que a vía emprendida polo goberno municipal é francamente mellorable. Debe facerse un esforzo por incorporar ao debate, non só ao conxunto da Corporación, senón tamén á veciñanza, á sociedade civil organizada e mesmo á Autoridade Portuaria da Coruña, que aínda que non se ten destacado pola súa lealdade institucional nin polo seu compromiso co interese xeral, é un actor clave na cuestión.
Ademais, o convenio acepta o marco dos convenios de 2004, centrándose só nos peiraos de Calvo Sotelo, Batería e San Diego, as denominadas Zona 1 e Zona 2, deixando nun plano secundario o resto do bordo litoral. Ao igual que denunciamos no caso das Xubias, é imprescindible adoptar unha perspectiva integral sobre a franxa costeira. Do contrario, sería un paso atrás co respecto ao proceso Tecendo Litoral do pasado mandato.