O fallo do TSXG, que agora será firme, cuestiona o método seguido para baixar o billete do bus, pero non avala o beneficio excesivo e contrario ás normas da UE que recibe a Compañía de Tranvías, nin nega a xusteza da decisión do goberno de Xulio Ferreiro
A sentenza tampouco lle recoñece á empresa o dereito a recibir indemnización e esixiremos ao goberno local que calquera pago á concesionaria sexa previamente autorizado pola Comisión Europea
A Marea Atlántica lamenta que o Tribunal Supremo inadmita, sen entrar no fondo do asunto, o recurso de casación presentado polo Concello da Coruña contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, favorable aos intereses da Compañía de Tranvías, que anulou o ano pasado o abaratamento e modernización das tarifas do bus urbano da Coruña en 2019. Acatamos a decisión, pero non podemos estar de acordo con ela, pois supón inhibirse á hora de defender o interese público fronte ao beneficio industrial excesivo da empresa concesionaria dun servizo público esencia como é o transporte público.
Con esta decisión do alto tribunal adquirirá firmeza o fallo do TSXG, que revogando unha sentenza anterior en primeira instancia cuestionaba o procedemento seguido para rebaixar o prezo do bus, pero non negaba en ningún caso a xusteza da decisión do goberno de Xulio Ferreiro nin o feito de que a empresa concesionaria teña un beneficio industrial excesivo e contrario á normativa da Unión Europea.
Polo tanto, instamos ao goberno a non ceder aos abusos da concesionaria e procurar todas as vías alternativas que considere para manter o prezo do billete do bus: porque é xusto e porque tivo un impacto positivo no uso do transporte público, desde unha perspectiva social e ambiental. Cómpre aclarar, ademais, que a sentenza tampouco lle recoñece a Tranvías ningún dereito a recibir indemnización pola baixada do billete do bus.
Neste sentido, instamos o goberno municipal a non ceder aos abusos da compañía e a non renunciar á remunicipalización do servizo de bus en 2024, cando remate a concesión vixente. É o mellor xeito de garantir que un servizo básico para a mobilidade sirva para beneficiar á veciñanza e non para enriquecer a unha empresa privada a custa do público. Así foi sinalado na sentenza en primeira instancia do Xulgado do Contencioso Administrativo nº 4 da Coruña, que si entrou a valorar o fondo do asunto.
Reivindicamos o traballo feito no pasado mandato, que comezou no 2017 e rematou en febreiro de 2019, coa primeira baixada de prezo do billete do bus da que a veciñanza da Coruña gozou en décadas. Un traballo respaldado por informes da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, a Universidade da Coruña e a asesoría xurídica municipal, coincidindo todos eles en sinalar o beneficio da empresa como excesivo. E que se traduciu nunha marca histórica: en 2019 chegouse aos 23 millóns de viaxes, un millón máis que ano anterior (+5%). É un orgullo ter posto en evidencia por primeira vez os abusos da Compañía de Tranvías. Nunca un goberno local se atrevera a desafiar a concesionaria.
As cifras do “beneficio excesivo” de Tranvías.
Cando falamos do “beneficio excesivo” da Compañía de Tranvías, falamos de que en 2019, tras a rebaixa do billete do bus, a empresa tivo uns beneficios de 3,32 millóns de euros. En 2018, os beneficios foron de 3,78 millóns, 30 veces máis do que gañou ese ano a empresa de transporte público de Vigo, Vitrasa.
O presidente de Tranvías recoñeceu publicamente que leva desde 2014 sen gastar un euro en renovar a frota de buses, desde moito antes da baixada do billete. En contraste, tanto en 2018 coma en 2019 repartiu 2,6 millóns de euros en forma de dividendos que foron aos petos dos seus accionistas. En resumo: a concesión do transporte público da Coruña, deseñada por Francisco Vázquez en 1986, é excesivamente beneficiosa para a empresa, que se lucra explotando un servizo público.
Mesmo tras a pandemia, a Compañía de Tranvías saíu gañando. Declarou perdas de 2,7 millóns en 2020 e de 1,9 millóns de euros en 2021, pero que quedan sobradamente compensadas polos 5,5 millóns de euros de fondos do Estado que recibiu este ano. Ao final, Tranvías gaña case un millón de euros grazas ás axudas fronte á COVID19. Con estas cifras, a Compañia de Tranvías non ten dereito a reclamar indemnización ningunha. En calquera caso, a Marea Atlántica esixiralle ao goberno municipal que calquera pago á concesionaria sexa previamente autorizado pola Comisión Europea.