Saltar ao contido

Reclaman tamén que a revalorización anual das pensións a partir do IPC real, e que se garanta o carácter público do sistema de xubilación

Presentaremos unha moción coas demandas do Movemento Galego en Defensa das Pensións (Modepen, que se suma hoxe á mobilización estatal con concentracións en Ribadeo e Cangas

A Marea Atlántica quere trasladarlle hoxe todo o seu apoio ás mobilizacións de pensionistas que terán lugar en todo o Estado, para reclamar un sistema público de pensións no que a suba anual teña en conta o IPC real, e no que as pensións mínimas vexan aumentada a súa contía ata quedar por enriba do limiar da pobreza. Reivindicacións xustas que en Galicia defende o Movemento Galego en Defensa das Pensións e os Servizos Públicos (Modepen) e que levaremos ao vindeiro Pleno da Deputación Provincial, o venres 25 de febreiro. 

A mobilización, que terá lugar hoxe ás 12h en Ribadeo e Cangas, entre outros puntos de España, denuncia que a metade das pensións están por baixo do Salario Mínimo Interprofesional, revalorizado esta semana, e que máis de dous millóns e medio de pensionistas viven con 650 euros ao mes ou menos, é dicir, que non superan o limiar da pobreza. Entre elas, son maioría as pensións de viuvez, incapacidade permanente e, ao final da cola, as pensións non contributivas, que en dous de cada tres casos lle corresponden a mulleres. 

Por iso, recollemos a proposta dos movementos sociais para equiparar a pensión mínima ao SMI, garantindo o mínimo para unha vida digna e eliminando a fenda de xénero. 

Perda dun 3% no poder adquisitivo

Ademais, solicitamos que a suba anual das pensións a partir de 2022 teña como referencia o IPC Acumulado Anual, tal e como se viña facendo antes da reforma de Rajoy en 2011, e que o ano pasado foi do 5,.5%. En lugar diso, a Lei 21/2021 do goberno actual escolleu aplicar o IPC Medio, dun 2,5%, dando como resultado unha perda de poder adquisitivo do 3% para as persoas pensionistas. É unha mellora sobre a etapa do PP, na que a suba anual quedaba nun miserento 0,25%,  pero é necesario ir máis alá. 

Finalmente, as mobilizacións convocadas hoxe reclaman o mantemento dun sistema de pensións públicas, dignas e suficientes, rexeitando os recortes e os pasos cara a privatización que se deron desde 2011.

Estas reivindicacións están apoiadas, ademais de por Modepen, pola Coordinadora Estatal en Defensa de las Pensiones Públicas (COESPE), o Movimiento de Pensionistas de Euskal Herria (EHPM), o Movimiento Andaluz en Defensa de las Pensiones Públicas (MADPP), as Plataformas de Pensionistas de Badajoz e Móstoles e a Asociación Jubilación Anticipada Sin Penalizar. 

Levaremos á Deputación as reivindicacións dos movementos de pensionistas: subir as pensións mínimas para superar o limiar da pobreza