Saltar ao contido

A suba salarial, dun 15%, é de dubidosa legalidade e foi aprobada co voto de calidade do presidente do Consorcio, Juan Ignacio Borrego. Estudaremos a forma de recorrela.

O goberno local consumou hoxe o aumento salarial de Moisés Naranjo, xerente do Consorcio de Turismo. A suba foi aprobada grazas ao voto de calidade do presidente do consorcio, Juan Ignacio Borrego. O noso representante, Alberto Lema, votou en contra, ao igual que a do PP, mentres que a Cámara de Comercio e o Porto abstivéronse. Cobraba uns 60.000 euros ao ano e pasa a percibir 69.000, un 15%. máis.

Como sinala Alberto Lema, “consumouse unha falcatruada, aumentarlle o salario a xerente en 9.000 euros, con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro”. “Consideramos que é unha decisión de dubidosa legalidade, pois altera a posteriori as bases do concurso para a escolla da xerencia, publicadas en xullo de 2021, e estudaremos a posibilidade de presentar un recurso”, engadiu o concelleiro da Marea Atlántica.

Nas últimas horas, recibimos, ademais, denuncias de persoal laboral do Consorcio de Turismo na Torre de Hércules, denunciando que non se lles están a renovar os seus contratos temporais para externalizar os seus postos de traballo nunha empresa privada. Decisión da que é responsable último Moisés Naranjo. Así, o xerente suma a falta de respecto polos dereitos laborais aos problemas que ven arrastrando a súa xestión, coa aposta por modelos nocivos (pisos turísticos, cruceiros… ) e o retroceso do aeroporto de Alvedro. Desde logo, non merece que o premien cunha suba salarial do 15% nun momento de crise na que os cartos públicos deberían ter outro destino.

O PSOE aproba en solitario subirlle o soldo en 9.000 euros ao ano ao xerente do Consorcio de Turimo