Iago Martínez: “A renuncia de Seoane pon en evidencia que é necesario un debate sobre o rumbo desta institución, pero este goberno sen Concellería de Cultura non atende”
Seguen sen empezar as obras para arranxar as filtracións na sede da fundación, que impiden tratar como merece o legado de Seoane: hai fondos dende hai tres anos grazas á Marea
O grupo municipal da Marea Atlántica levará ao vindeiro Pleno de febreiro a recente dimisión do escritor Xavier Seoane como membro do Padroado da Fundación Luís Seoane, que evidencia un problema de fondo que leva demasiado tempo desatendido. O noso grupo esixiralle solucións ao goberno local e reclamará a apertura dun debate sobre o futuro desta institución cultural.
O vicevoceiro da Marea Atlántica e integrante do Padroado da Fundación, Iago Martínez, lamenta fondamente esta dimisión, e agradécelle a Xavier Seoane “o seu traballo ao longo dos anos, radicalmente comprometido co cometido orixinal da fundación: conservar, estudar, achegar á cidadanía e renovar o legado de Luís Seoane”. Sinala que “coa súa renuncia, queda en evidencia unha nova crise na institución e un problema de fondo. Nos últimos tres anos e medio, con Inés Rey como presidenta do padroado, os membros teñen reclamado, moitas veces, unha reflexión sobre o rumbo da fundación e o cumprimento dos seus fins orixinais. De terse abordado ese debate, Xavier Seoane talvez seguiría a ser hoxe membro do padroado, pero este goberno sen Concellería de Cultura non é quen de atender”.
Como vimos defendendo dende que se coñeceu a dimisión de Xabier Seoane, á que se sumaron as declaracións de Xabier Díaz, tamén membro do Padroado da Fundación Seoane e albacea da obra do artista, é urxente abrir un debate amplo, dende a crítica construtiva, sobre o proxecto estratéxico e o lugar que debe ocupar a figura de Luís Seoane e o seu legado.
O máis inminente: resolver dunha vez os problemas do edificio
En novembro deuse luz verde ao proxecto necesario para resolver os problemas do edificio e garantir a boa conservación do legado de Luís Seoane. Un investimento de case 800.000 euros froito do acordo da Marea Atlántica. Unha obra que xa se deixou proxectada no mandato de Xulio Ferreiro e que contou con dotación orzamentaria, grazas ao empeño da Marea Atlántica, nos dous únicos orzamentos deste neste mandato, en 2020 e 2022. Están en licitación e terían que ser executadas este ano, segundo o compromiso da alcaldesa”.
A Fundación Luís Seoane custodia o arquivo epistolar e documental do artista, doado pola súa viúva, María Elvira Fernández López (coñecida como Maruxa Seoane), ademais de 200 cadros ao óleo, toda a obra gráfica editada por Seoane e máis dun milleiro de bosquexos e primeiras edicións.