A Banda non puido gravar unha actuación porque o Concello lle ofreceu un escenario sen as mínimas condicións artísticas e sanitarias e a alcaldesa segue sen dar a cara

A Marea Atlántica reclámalle á alcaldesa que se reúna de inmediato coa Banda Municipal de Música ao completo, escoite as súa demandas, e comece de inmediato a traballar en solucións. “Inés Rey leva 15 meses no cargo e aínda non se dignou a reunirse coa Banda de Música para coñecer os seus problemas, que son moitos e graves: están sen dirección, subdirección, xerencia, sen persoal administrativo e sen plans”, sinala o vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martínez. 

Despois de ter que cancelar dúas actuacións por non ter persoal suficiente para cubrir as baixas, a formación musical non puido onte gravar unha interpretación porque o Concello ofreceu un escenario completamente inadecuado e imposible de adaptar ás condicións sanitarias que esixe a pandemia. Como ben afirma Iago Martínez, “habendo espazos como o Pazo da Ópera ou o Coliseum, isto é unha falta de respecto a unha das mellores bandas de música do estado. E, pese a todo, a nova responsable da área de Cultura evita falar cara a cara”. 

Como xa fixemos esta mesma semana, tras unha xuntanza con representantes da Banda de Música, reclamamos que se cubran canto antes as prazas vacantes, sobre todo a de dirección e a dos instrumentos máis necesarios para que o traballo da formación poida continuar con normalidade. 73 anos de historia, divulgando a música, merecen respecto. 

“Segue a demostrarse que a destitución de Jesús Celemín como responsable da Concellaría de Cultura non está a resolver nada. Inés Rey colleu as competencias, pero non semella ter interese en exercelas. En quince meses de mandato, o balance en políticas culturais achégase a cero”, conclúe Iago Martínez. 

Imaxes do esperpéntico escenario que lle ofreceron dende o Concello á Banda Municipal de Música para gravar o concerto.

Fonte: Twitter Banda Municipal de Música da Coruña