Saltar ao contido

Na Comisión de Benestar Social, Silvia Cameán trasladará posibles alternativas para evitar que centos de familias queden sen axuda á alimentación este curso

A concelleira Silvia Cameán, presidenta da Comisión de Benestar, insta ao goberno municipal a abrir un novo prazo de subsanación de erros na convocatoria de bolsas comedor e revogar as denegacións. “É unha vía legal para evitar que centos de familias queden sen axudas á alimentación este curso por trabas burocráticas”, explicou Cameán.

“Tendo en conta 504 solicitudes foron rexeitadas por problemas coa documentación, unha cifra inxustificable, pedímoslle ao goberno que ofreza unha solución e desta vez acompañe ás familias para facilitar a solicitude das bolsas comedor, en lugar de limitarse a denegar. Falamos de persoas, non de cifras”, sinalou a concelleira.

Solucións, non leccións

Polo que respecta ás 141 denegacións por ter débedas coa administración —un 12% de todas as solicitudes presentadas—, o grupo municipal da Marea Atlántica esixe revisalas. Como explica Silvia Cameán, “hai casos nos que é posible solicitar un aprazamento da débeda, o que serve para acreditar o cumprimento de obrigas segundo a Lei de Subvencións”.

Este martes reunirase a Comisión de Benestar Social ás 12.00h en María Pita, e presidenta do órgano trasladaralle estas vías de solución ao goberno municipal, ademais da total vontade de colaboración da Marea Atlántica para facelas posibles. “Hai familias, e non poucas, que dependen das bolsas comedor para garantirlles unha correcta alimentación ás súas fillas e fillos. A obriga dun goberno é darlles solucións, non culpabilizalas”, engadiu Cameán.

 

Para máis información

Arturo Losada- 671 675 258 – comunicacion@mareatlantica.org

A solución á crise das bolsas comedor: un novo prazo para subsanar erros