Faltan dous días para rematar o mes e as traballadoras das bibliotecas de xestión privada aínda non obraron o soldo nin a paga exra
Tampouco se convocou a comisión municipal pactada en outubro para estudar alternativas
A Marea Atlántica preguntaralle ao goberno local, no próximo pleno ordinario, cando pensa cumprir a súa palabra e darlle ás traballadoras as bibliotecas municipais de xestión privada a solución definitiva que prometeu poñer sobre a mesa en novembro. Quedan dous días para rematar o mes, e o único que sabe o cadro de persoal é que, unha vez máis, aínda non cobraron o soldo, nin a paga extra, nin constan avances na resolución do contrato con LTM Servizos Bibliotecarios. Tampouco se convocou a comisión municipal prometida en outubro, para consensuar esta solución coas traballadoras e todos os grupos políticos.
“En novembro, levamos este asunto ao Pleno, e a presidenta do Comité de Empresa tomou a palabra desde o Escano Cidadán. O goberno local prometeunos a ambas que o mes non remataría sen ter unha solución ao problema do pago dos salarios. Pero a 28 de novembro, non temos ningunha novidade. Volveremos insistir, porque as bibliotecarias non merecen vivir na incerteza mes tras mes, sen saber como e cando van cobrar o salario. E menos ca nunca, en Nadal”, explica María García, a nosa voceira municipal, que estivo en contacto co Comité de Empresa nos últimos días.
Ademais, lembramos que no Pleno do 13 de outubro, o goberno pactou coa Marea Atlántica crear unha comisión con presenza de todos os grupos da Corporación e das representantes sindicais das traballadoras, na que acadar unha solución definitiva ao problema dos impagos, estudando a remunicipalización de todo o servizo de bibliotecas. Vai mes e medio e o goberno local nin sequera pediu a designación de representantes, a pesar de que María García reclamoullo á alcaldesa nunha carta rexistrada o 19 de outubro, designando a Iago Martínez como representante da Marea Atlántica neste futuro órgano.
Os problemas dun servizo público con contrato privado
Os problemas nas bibliotecas municipais de xestión privada veñen repetíndose desde xullo, debido ao contrato que o goberno local licitou e adxudicou neste mandato. Desde entón, as traballadoras están a vivir un auténtico calvario. A Marea Atlántica apoiará calquera decisión que remate con esta incerteza, pero ten claro que o único remedio definitivo é a remunicipalización de todo o servizo.
Como explica María García, “iniciar a municipalización agora é máis doado ca nunca, aproveitando o traballo que a fixo o goberno de Xulio Ferreiro cara a municipalización, e co respaldo da sentenza do Tribunal Supremo sobre a remunicipalización do servizo de axuda no fogar de Pamplona, en febreiro deste ano, que despexa definitivamente o problema da subrogación en beneficio das traballadoras. Se Inés Rey quere dar o paso, poderá contar cos nosos votos para garantir a maioría absoluta”.
A rede de bibliotecas municipais conta con tres centros de xestión pública, nos que non hai problemas para cobrar o soldo e seis centros de xestión privada nos que cada mes é unha sorpresa desagradable, nunha dualidade iniciada por un goberno do PSOE: Centro Ágora, Fórum Metropolitano, Sagrada Familia, Os Rosales, Infantil e Xuvenil e o punto de lectura de Novo Mesoiro.